O Concello mellora a accesibilidade do colexio Vales Villamarín e completa os traballos na zona de xogos infantís

935

O Concello concluíu os traballos de mellora de acceso ao colexio Vales Villamarín coa instalación dunha rampla peonil metálica dentro dun paquete de actuacións que incluíron outros arranxos no centro escolar na zona de xogos infantís; a reparación de filtracións e a adecuación de espazos comúns. Os traballos tamén contemplaron actuacións no aulario de infantil, e melloraron a contorna do edificio e a cuberta.

O concelleiro de Educación, Andrés Hermida, anunciou tamén que o Concello preparará unha sala multisensorial ademais de actualizará a rede de megafonía. Tras manter unha reunión co equipo educativo do colexio, explicou que levará unha proposta ao próximo Consello Escolar para reclamar, unha vez máis á Xunta, dentro das actuacións que se programen para este ano, que se cubran diversas necesidades do colexio en materia de equipamentos e melloras das instalacións.

O edil explicou que durante o pasado curso escolar a Consellería de Educación, cumprindo o compromiso adquirido en anos pasados, realizou unha reforma integral dun dos dous bloques do CEIP Francisco Vales Villamarín, unha reforma que consistiu na adecuación de fachada, os cambios de xanelas, o pintado dos interiores e a mellora da iluminación.

Con todo, o segundo bloque do Centro segue sendo unha construción dos anos 70 que, como o anterior bloque, tamén necesita unha mellora integral. Este segundo edificio, está nun estado moi similar ao que estaba o primeiro bloque e necesita melloras no exterior, co fin de diminuír as perdas térmicas e mellorar a súa eficiencia,   a iluminación e o pintado interior.

Outra das problemáticas que presenta este edificio é a falta de espazo para as nenas e nenos que acoden a diario ao comedor escolar. Por iso, reclamarase á Xunta que se cubra unha das partes destinadas a aparcadoiro, anexas ao actual comedor.

Para este curso o Concello tivo que dotar o centro de mobiliario para que se puidese ampliar o servizo de comedor á zona da sala de usos múltiples, reducindo o espazo “do salón de actos”.

O servizo de comedor e mañanceiros/as do colexio Vales Villamarín ten este curso case 500 alumnos e alumnas entre Infantil e Primaria. No período de matrícula déronse de alta uns 420 alumnos e alumnas do centro. Con todo, conforme se achegaba a data de inicio do curso escolar incrementáronse as peticións para inscribirse no servizo de comedor e mañanceiros, e foron 74 escolares máis. Nese momento, o Concello, co fin de que ningúns alumno nin alumna ficase sen servizo, decidiu, en contacto coa dirección do colexio, “dotar as instalacións con máis mobiliario e poder así ofrecer o servizo a arredor de 500 alumnos e alumnas do colexio que o solicitaron”.