O Concello crea o primeiro “camiño seguro” entre o Vales Villamarín e o parque Alfonso IX

774
A imaxe das pegadas dun pato en distintas cores as que axudan aos nenos/as a seguir o camiño

O Concello creou o primeiro tramo do “camiño seguro” para o alumnado do colexio Vales Villamarín, entre o centro escolar e o parque Alfonso IX. Trátase dun primeiro tramo do camiño que logo se completará cun segundo ata a praza dos Irmáns García Naveira. O tramo en cuestión prolóngase pola avenida Fraga Iribarne para logo continuar polas beirarrúas da marxe dereita da avenida do Carregal. O camiño está sinalizado, con distintivos no chan. Neste caso é a imaxe das pegadas dun pato en distintas cores as que axudan aos nenos/as a seguir o camiño. Os traballos realizáronse dentro da “semana da mobilidade”.

Como complemento a esta sinalización, realizáronse diversas actuacións en materia de mellora de seguridade viaria, e eleváronse os pasos de peóns situados nas inmediacións do cuartel da Garda Civil, a ponte do Carregal e a piscina municipal. Ademais, eliminaranse as bandas rugosas que serán substituídas por “lombos de asno”. Como outras zonas do municipio, tamén se manterá unha zona 30, é dicir, con límite a 30 quilómetros por hora, ao longo deste traxecto.