O Concello de Betanzos lembra a Carvalho Calero cunha programación dixital

917

O domingo 17 de maio celébrouse o Día das Letras Galegas, que este ano están dedicadas ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero.

O Concello de Betanzos tiña previsto un completo programa de propostas arredor do escritor e actividades de dinamización lingüística ao longo de todo o mes que non se poderán levar a cabo pola situación actual da crise santitaria da Covid-19 e que se pospuxeron ata o mes de outubro, en consonancia coa decisión da Real Academia Galega de trasladar o acto de celebración oficial do Día das Letras Galegas para facelo coincidir co 110 aniversario do nacemento de Carvalho Calero nese mes.

Estas Letras Galegas serán unhas Letras Galegas para a lembranza porque por primeira vez e debido ao confinamento non se poderá a cabo unha programación en vivo que lembre a importancia desta celebración para a lingua galega e difunda a figura do escritor homenaxeado. A pesar disto, o Concello de Betanzos ten prevista unha programación dixital para difundir a importancia de Carvalho Calero na historia da lingua e a literatura galega, e continuar con algunhas das propostas de dinamización lingüística que se levan a cabo na programación anual.

O Concello de Betanzos lembrará a Carvalho Calero diariamente nas redes sociais coa difusión de aspectos fundamentais da súa traxectoria profesional que marcaron a historia da literatura mais tamén da lingua galega.

Igualmente, e retomando a programación dos Sábados miúdos que quedou paralizada pola situación actual realizará nestas Letras Galegas para a lembranza “A hora dos contos miúdos”, e entre o 14 e o 17 de maio difundirá contos nas redes sociais todos os días relatados por contacontos que xa viñeron en varias ocasións e volverán aos Sábados miúdos, e que son ben coñecidos polos pequenos e pequenas que asisten ás actividades deste programa de dinamización lingüística para público infantil que o Concello de Betanzos programa desde hai varios anos.

Ademais, entre o 18 e o 24 deste mes “Un maio de #letrasgalegasparaalembranza”, un concurso en Instagram para celebrar as Letras Galegas 2020 e dinamizar o uso da lingua galega nas redes sociais. A finalidade desta proposta é que as persoas participantes compartan nesta rede social imaxes que lles lembren a lingua galega, un sentimento, unha emoción, unha palabra ou un momento relacionado con ela, acompañadas dun pequeno texto explicativo. Para poder participar as fotos deberán ser públicas e levar os cancelos “letrasgalegasparaalembranza, #galego e #betanzos e haberá dous premios para as fotos con máis “gústame” e máis comentarios. As bases do concurso “Un maio de #letrasgalegasparaalembranza” poderanse consultar en www.betanzos.gal e nas redes sociais nos vindeiros días.