O Concello de Betanzos participa na campaña É túa. Pásaa! para apelar ao uso do galego no individual e no colectivo

159
O lema xa loce na fachada do Cinema Alfonsetti

O Concello de Betanzos participa na campaña “É túa. Pásaa!” de Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega) como membro integrante da asociación de promoción e dinamización da lingua galega no ámbito local.

Alingua é unha asociación de entidades locais que é consciente das vantaxes do traballo cooperativo, da importancia fundamental da colaboración para a política lingüística, que procura rendibilizar os esforzos e axuda a visibilizar as accións que se realizan para dinamizar o uso da lingua para que que acade un maior impacto e incidencia na sociedade. Forman parte de Alingua dezanove concellos galegos: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa; e a Deputación de Pontevedra como membro amigo.

Baixo a o lema “É túa. Pásaa!” que pendura desde os pasados días nas fachadas dos dezanove concellos integrantes de Alingua preténdese facer unha chamada á acción da cidadanía para que use e transmita a nosa lingua, o galego. O lema escollido para a nova campaña é É túa. Pásaa! fai unha chamada á acción e á importancia do papel de cada un e cada unha de nós na transmisión da lingua.

A campaña comeza coa difusión dun tema realizado por Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que “convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala”.

Para darlle continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso. En Betanzos, os materiais da campaña estarán á disposición da veciñanza no Servizo de Normalización Lingüística (Casa do Concello), na Biblioteca pública municipal Alfonso Castelao e nos distintos edificios municipais, así como nos centros de ensino e nos locais sociais.

Xunto co vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.

En Betanzos, alínguase!

E que é alinguar? Alinguar é un neoloxismo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula.