Betanzos insiste na necesidade urxente de que a Xunta incremente a seguridade en Guiliade e Infesta

147
Estrada que une Betanzos con Abegondo ao seu paso por Guiliade.

O goberno local trasladaralle de novo á Xunta a necesidade de que acometa actuacións en materia de seguridade nas estradas que unen Betanzos con Abegondo e Betanzos con Bergondo, ambas as dúas de competencia autonómica, e nas que de “forma periódica” se suceden situacións perigosas tanto para peóns e peoas como para condutores.

O goberno local lembra que se volveron a producir varios accidentes na vía que une Betanzos con Abegondo, unha situación que se repite e que fai que desde o Concello reitere a petición para que  a Xunta, “dunha vez por todas mellore o tramo urbano desta  estrada ao seu paso por Guiliade, ademais doutras actuacións solicitadas desde hai anos como a reforma da mesma vía ao seu paso por Infesta e, en concreto, pola ponte sobre o ferrocarril”.

No caso de Guiliade, trátase para o Concello dun tramo netamente urbano, con vivendas por ambas as marxes, polo que considera que é necesario reducir á velocidade, como mínimo, de 70 km/h a 50 km/h.

O goberno local non logra entender como, coas características propias de Guiliade, cun núcleo netamente urbano, o tramo non se identifica nin como travesía nin zona urbana, polo que se mantén a velocidade a 70 quilómetros por hora co risco que iso supón para a veciñanza da zona que cada día transitan pola vía e que, ante esta situación, non teñen unha zona de paso peonil segura.  A solución achegada pola Xunta ante esta situación é que ” se incrementen os controis para sancionar aos condutores que circulan por riba do límite de velocidade”, unha alternativa “á que o Concello non se opón, pero non considera que sexa a máis prioritaria e debería de estar acompañada polo cambio de sinalización e a redución de velocidade”.

A alcaldesa, María Barral, tamén se referiu ao tramo de Infesta, un punto negro do municipio no que desde hai anos o Concello insiste ante a Xunta para que aborde a reforma da ponte sobre o ferrocarril. “Trátase dun punto no que se producen constantemente accidentes, algúns, hai anos, con vítimas mortais. É necesario modificar o tramo, e incrementar a seguridade viaria e, de forma especial, dos peóns”.

Ademais desta actuación, a primeira edil solicitará a construción de beirarrúas na zona de Piadela-Guiliade, así como a creación dun camiño seguro que unha Betanzos coa residencia da terceira idade e o Centro Pai Menni.