O Concello demanda a Educación que reconsidere a súa postura e que atenda de forma urxente as peticións dos institutos Francisco Aguiar e As Mariñas para poder cumprir os protocolos Covid

704

O goberno local solicitaralle á Consellería de Educación que atenda “de forma urxente” as necesidades expostas polos institutos Francisco Aguiar e As Mariñas e “reconsidere a súa postura despois de non incrementar, tal e como pedían os centros, de forma xustificada, o persoal docente e non docente, o que impide desenvolver como debese os protocolos de prevención da Covid”.

Así o indicou a alcaldesa, María Barral, quen lamentou que “mentres que a Consellería sinala os protocolos que hai que seguir nos centros de Infantil e Primaria e os concellos, como Betanzos, desenvolvemos todas as actuacións necesarias para que se cumpran, mesmo, como no noso caso, por enriba do que nos corresponde, a propia Xunta, onde si ten competencia, non dota de persoal suficiente os seus centros e, por tanto,  non se poden cumprir ao cento por cento as medidas”.

A alcaldesa lembrou que no caso do Concello o gasto xerado pola situación pandémica no colexio Vales Villamarín, entre actuacións de adaptación  e medidas de seguridade, dotación de material,  reforzo de limpeza ou monitores, ascende a practicamente 180 000 euros, por iso “entendemos que a Xunta debe asumir as súas competencias e atender a demanda que fan os institutos”. Neste sentido, anunciou que  trasladará a situación á propia Xunta para que Educación reconsidere a súa postura e atenda as necesidades que lle corresponden en ambas as instalacións escolares.

María Barral explicou que o Instituto Francisco Aguiar realizou a petición para incrementar o seu persoal cun conserxe e unha limpadora máis ou, polo menos, ampliando a xornada completa da limpadora que agora fai media xornada. Esta dotación completaría a que dispón agora o centro con dous conserxes, 4 limpadoras a xornada completa pola tarde e unha limpadora a media xornada pola mañá.

Só este centro conta con 694 alumnos e alumnas, 64 profesores e profesoras e dúas administrativas. Ten tres edificios, dous deles con tres plantas, e un pavillón. Utilízanse os baños do tres edificios sen que se poidan usar os baños do pavillón ante a imposibilidade de mantelos en condicións hixiénicas oportunas.

A limpadora da quenda de mañá dedícase de maneira case exclusiva á limpeza dos servizos e as catro limpadoras de tarde das 29 aulas e dos espazos comúns polo que resulta máis que evidente que pola cantidade de lavabos, urinarios e de metros cadrados das instalacións, como polo protocolo de limpeza da Covid, o persoal ten unha carga excesiva de traballo polo que se fai máis que necesario o seu incremento para garantir as condicións de hixiene e desinfección precisa nesta pandemia.

A dirección tamén se viu obrigada a modificar o horario de apertura do instituto, pechando as tardes dos mércores e xoves por non poder contar con máis conserxes, unha situación que sofre desde agosto de 2019 cando se xubilou o anterior conserxe e a praza quedou sen cubrir. Os dous conserxes non poden atender o tres edificios, separados entre si, nun momento no que o protocolo esixe a vixilancia dos movementos do alumnado.

En canto ao Instituto As Mariñas, a petición denegada pola Xunta afectaba ao persoal docente, do seis solicitados só dotaron o centro con tres novos profesores. Tampouco atenderon a petición para incrementar o número de persoal de limpeza necesario para cubrir o protocolo da Covid-19.