A xornada de feira de todos os santos celebrada o pasado domingo día 1, transcorreu con total normalidade. Galería de imaxes.

547
A pesar da situación epidemiolóxica, o Concello decidiu mantela. Iso si, cunhas medidas de seguridade extraordinarias para que se respecten as normativas pola Covid-19, con seguridade privada e Protección Civil. O Concello agradece a colaboración dos vendedores ambulantes e do público asistente.

Neste sentido, o goberno local dió un paso máis nas actuacións para concienciar ás persoas que asistiron á feira da importancia e necesidade de manter a distancia social, de non estar en grupos de máis de cinco persoas tanto nos corredores como arredor dos postos de venda, coa presenza dunha ducia de axentes de seguridade privada que percorreron durante toda a mañá os diferentes corredores da feira para advertir e lembrar a obrigación de manter unha serie de normas.

A maiores, mantiveronse sinalizadas as entradas e saídas da feira para que non se xunten as persoas que acceden ou saen. En cada entrada houbo efectivos de Protección Civil con dispensadores de hidroxeles.

A distribución dos postos tamén permitiu ampliar os espazos de paso da xente para facilitar manter a distancia social.

O goberno local explicou que a anterior feira do día 16 foi suspendida a pesar de que as circunstancias epidemiolóxicas eran mellores que agora “porque as restricións foran publicadas apenas 24 horas antes á súa realización e non había posibilidade de organizar a feira  con garantías suficientes para darlle cumprimento ás normativas”.

Agora, con máis tempo e un esforzo económico por parte do Concello sen precedentes na organización dunha feira “tendo en conta que se trata dunha feira especial que ten afectación non só nos  vendedores e vendedoras ambulantes senón noutros sectores da cidade, o goberno local decidiu mantela”.

“O Concello apelou á responsabilidade da xente, para que todos e todas as que visitaron a feira  foran conscientes de que é necesario manter as distancias, o uso de hidroxeles e a obrigación de levar, como a diario, a máscara, e evitar en todo momento o crear grupos de máis de cinco persoas”, indica o goberno local.

O goberno local indicou que o protocolo para esta feira foi un paso máis aló das recomendacións establecidas polas administracións con competencias.

Cemiterio municipal

As visitas ao cemiterio tamén se desenvolveron con normalidade, contando o recinto cun dispositivo especial ante a Covid-19, que continuará ata hoxe, día 2.

Betanzos tamén adiantou hai unha semana o seu propio protocolo para o Día de Defuntos e as visitas ao cemiterio municipal. Nestas instalacións tamén contará con seguridade privada desde hoxe, día 29, ata o día 2, ampliando os horarios de funcionamento para evitar as aglomeracións.