“Non podemos andar cos prazos xustos nun servizo tan sensible como o de axuda a domicilio, por iso é polo que o Concello desde xa traballe na contratación dun novo servizo de dous anos de duración, prorrogables a outros dous, aínda que o actual contrato finaliza o 31 de marzo de 2022”. Con estas palabras, a alcaldesa, María Barral, referiuse á aprobación por parte do Pleno dos pregos de contratación do servizo así como o feito de sacalo a contratación. O orzamento sitúase nos 2.152.737 euros, é dicir, 1.076.368 euros por ano coa posibilidade de prorrogalo dous anos máis. O financiamento deste gasto provén en case un 60% de fondos municipais, un 6% das achegas das persoas usuarias e o resto da axuda da administración autonómica.

Nestes momentos a través do Servizo de Axuda no Fogar aténdense a unhas 85 persoas. De maneira particular, o servizo atende a persoas maiores con déficits de autonomía, especialmente cando carecen de apoio persoal na súa contorna inmediata.

No servizo de axuda no fogar, de conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso, préstase en diferentes tipos de actuacións como  atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio. Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda que inciden e axuden na mellora da contorna da persoas usuarias e da súa familia. Se é o caso, determinadas tarefas domésticas, como lavandaría.

Piscina

Por outra banda, o Pleno aprobou tamén a modificación dun suplemento de crédito financiado con remanente líquido de Tesouraría para gastos xerais que incluirá unha previsión de gasto de 77.912 euros para facer fronte a unha posible indemnización polo restablecemento do equilibrio económico da piscina municipal correspondente ao segundo semestre de 2020 e os efectos derivados da Covid-19.

No entanto, aínda está por determinar o importe e o dereito mediante o correspondente expediente, aínda que, resulta necesario para os servizos técnicos municipais reservar xa esta partida para afrontar o pago no caso de que quede acreditada a indemnización. Sería a segunda achega municipal, despois de xa facer fronte o Concello a outros 43.258 euros polo mesmo concepto de afectación que tivo no desenvolvemento da actividade das instalacións a situación da Covid.

Os servizos xurídicos municipais, con base ao Real Decreto 8/2020, e tendo en conta que as instalacións tiveron que estar pechadas, volverán analizar a reclamación da concesionario para ese segundo semestre de 2020 e concretar se o Concello debe facer fronte a un reequilibrio económico, é dicir, a compensar a perda de ingresos ante o incremento dos custos soportados, entre os que se atopan os posibles gastos adicionais salariais por un montante total que agora reserva de 77.912 euros.

A situación pandémica e os problemas á hora de realizar con normalidade a actividade nas instalacións municipais causou importantes problemas de xestión que tiveron unha afectación directa nos traballadores da empresa. “Á empresa, por lei, correspóndelle unha compensación económica, e  esperamos que sirva para mellorar a situación dos seus traballadores e traballadoras que, segundo trasladaron directamente á alcaldía, están a padecer problemas”.

As restricións pola Covid coa consecuente redución de actividades unido a unha importante redución de abonados fai que a xestión das instalacións pase por un momento complicado “algo que é xeral, non só en Betanzos senón noutras cidades” polo que “esperamos que aos poucos as condicións melloren en paralelo á mellora de datos da pandemia e que pronto se chegue a unha nova normalidade tamén no día a día da piscina e o ximnasio”.