O Concello dá un paso máis nos trámites para que o Ministerio de Fomento lle ceda os tramos urbanos da antiga N-VI á Administración municipal acolléndose a unha Orde publicada o sábado, día 30 de outubro pola que se establece o marco para a celebración de acordos de entrega aos concellos de vías urbanas da rede estatal. Con motivo desta publicación, o Concello pretende recepcionar a estrada nacional en tramos urbanos nunhas condicións adecuadas canto ao seu mantemento.

Por esta razón, a Xunta de Goberno local acaba de aprobar unha iniciativa para dirixirse ao Ministerio de Fomento para acollerse a esta Orde e iniciar así o proceso para a posible recepción dos tramos urbanos das estradas N-VI e N-651. Para isto, previamente, o Concello xa  encargou a principios do ano 2021 un  informe técnico sobre a “Proposta de transferencias ao Concello de Betanzos de treitos urbanos de estradas de titularidade do Estado no termo municipal” para humanizar e mellorar a seguridade viaria nestes tramos.

No dito informe conclúese que poderían ser de interese a transferencia das travesías urbanas que  conforman as rúas da Ribeira na N-651 e Valdoncel, a praza dos irmáns García Naveira e estrada de  Castela ata o cruzamento coa estrada de Piñeiros, na N-6 A, cunha lonxitude conxunta aproximada de 300 e 1500 metros respectivamente.

Tamén se indica que non son susceptibles de transferencia a estrada de Castela, máis ala do nó coa estrada de Piñeiro, a avenida da Coruña na estrada N-VI, o paseo do Malecón, a rúa  Alfolí e a rúa Saavedra Meneses, aínda que nesta podería acoutarse a sección funcional necesaria e cederlle ao Concello os excedentes ata as alienacións, ao non existir itinerarios alternativos que garantan a continuidade da rede estatal, e, polo tanto, a súa conversión en treitos municipais non podería ser asumida polo Concello dada a súa funcionalidade e uso.

Con este cesión o Concello persegue un dobre obxectivo. Por un lado, dispoñer de autonomía sobre unha vía que a día de hoxe é netamente urbana e que, polo tanto, poida xestionala como tal; e, por outra banda, facer unha serie de actuacións que permitan humanizar o tramo, algo que agora non é posible pola normativa do Estado.