O Concello distinguirá a Roberto Tojeiro Rodríguez, presidente de Gadisa, fillo adoptivo de Betanzos

1706
O alcalde xunto a Roberto Tojeiro durante unha visita a Gadisa co presidente da Deputación, Valentín González

Betanzos, 20 de outubro de 2017. O presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro Rodríguez, será distinguido como “fillo adoptivo” da Betanzos. A proposta do goberno local foi trasladada  aos integrantes da Comisión de Nomenclátor (con representación de todos os partidos políticos municipais), que deu a súa aprobación para que sexa trasladada a Pleno e  referendada polo máximo órgano da corporación local.

Nacido nas Pontes en 1961, casado e pai de dous fillos, con este nomeamento o Concello pretende recoñecer a súa traxectoria profesional, e a súa vinculación e colaboración persoal con Betanzos. O Concello destacou a figura do Roberto Tojeiro como home de empresa, emprendedor, que fai da creación de emprego a razón da súa tarefa profesional, presidindo un grupo empresarial comprometido por convicción coa cidadanía, os colectivos e as institucións onde está presente como o caso do Concello de Betanzos onde, Gadisa, no seu día a día, está presente con continuos patrocinios de actividades deportivas, sociais e culturais, ademais de dar emprego a varios centos de familias do municipio.

O alcalde, Ramón García Vázquez, destacou os valores de perseveranza e tenacidade de Roberto Tojeiro e o seu compromiso e aposta por manter e incrementar a presenza de Gadisa en Betanzos, creando e mantendo postos de traballo, imprescindibles para a economía local, características que ademais de formar parte da súa propio ADN, aprendeunas de quen foi o seu mestre, o seu pai Roberto Tojeiro Díaz.

Roberto Tojeiro tivo unha intensa formación académica que lle levou a estudar Administración e Dirección de Empresas no ICADE, que complementou con estudos de Auditoría e un posgrao de Top Management. Antes de facerse cargo da responsabilidade total do grupo como presidente e conselleiro delegado, en febreiro de 2011 pola morte do seu pai, foi escalando tarefas de responsabilidade en Gadisa como auxiliar do director administrativo, responsable financeiro e de investimentos, director xeneral financeiro e de control desde 1988, vicepresidente executivo-conselleiro delegado e director xeral. Un traballo que se resume nun grupo empresarial que factura uns 1100 millóns de euros anuais e que se achega aos 7000 empregados.

Ademais da concesión de fillo adoptivo a Roberto  Tojeiro, a Comisión de Nomenclator deu a súa aprobación a dedicar ao doutor Jesús Gundín Hurtado, médico de familia en Betanzos, a praza situada na rúa Pintor Seijo Rubio onde están situadas as oficinas de recadación da Deputación Provincial. Jesús Gundín desenvolveu a súa actividade profesional como xefe local de sanidade en Betanzos durante máis de corenta anos. A súa relación e preocupación por Betanzos e polos betanceiros tanto a nivel persoal como profesional, faino merecedor desta concesión. Faleceu o 4 de xaneiro de 2011 aos 93 anos na localidade estremeña de Plasencia, onde residía.

Aprobouse tamén elevar a Pleno unha proposta para concederlle o nome de José García Varela “Ventosa” ao velódromo de Betanzos pola súa vinculación ao mundo do ciclismo en Betanzos, e a atención aos máis mozos e mozas, promocionando este deporte entre moitas xeracións de betanceiros e polo seu traballo constante durante anos no Club Ciclista Betanzos, como alma mater na organización das probas de ciclismo que se celebraban na cidade e noutros lugares de Galicia.