O Concello e a Cruz Vermella reforzan a súa colaboración para atender os programas sociais durante o Covid-19

663

Os responsables do Concello mantiveron unha reunión de coordinación con representantes de Cruz Vermella co fin de analizar a situación de diferentes programas de ámbito social nos que se mantén unha colaboración estreita entre ambas as institucións. O encontro serviu para “unificar” criterios e incrementar a colaboración en varios programas de atención así como reforzar a atención a persoas que, pola situación xerada polo Coronavirus, poden necesitar axuda “nestes momentos, axuda puntual sen que antes fosen perceptores de ningún programa de atención”.

Neste sentido, a través dos voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella e do persoal do servizo básico de axuda a domicilio iranse atendendo estas novas situacións. Neste sentido, o Concello fai un chamamento para que a veciñanza que detecte algún caso no que “algunha persoa necesite axuda ou colaboración ante a  situación extraordinaria que se está vivindo se poña en contacto cos Servizos Sociais chamando ao 981 770 707 a calquera hora do día ou ben ao teléfono de atención 981 774 742.

Ademais reforzarase o servizo de teleasistencia por se hai circunstancias especiais dalgunha persoa que o poida necesitar e os servizos de acompañamento de persoas que vivan soas e poidan necesitalo para desprazarse ao centro de saúde a recibir tratamentos como o sintrón.

Por outra banda, o Concello anunciou dentro do paquete de medidas económicas, que a primeira campaña de recadación voluntaria deste ano do pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica e outras taxas que ten delegadas na Deputación Provincial se aprazarán ata novo aviso”.

Esta medida súmase á compensación das taxas correspondentes ao Conservatorio Municipal de Música, á Escola de folclore e á Escola infantil municipal ante a afectación do Covid-19. Tamén se estudará a fórmula de compensar ás persoas usuarias doutros servizos que son municipais mais desenvolvidos por distintas empresas como o comedor escolar ou as instalacións deportivas. María Barral indicou, ademais, que o Decreto de Alcaldía marca como prioridade a atención a persoas dependentes por parte da empresa de axuda a domicilio que terá que prestarse “ao 100% das persoas usuarias salvo renuncia expresa dalgunha familia”.

Ademais, desde a Alcaldía incidiuse ante os departamentos de Intervención e Tesouraría na necesidade de axilizar os pagamentos a provedores e que as facturas que se rexistren vía telemática sexan conformadas de forma excepcional pola Alcaldía ou o concelleiro delegado correspondente co fin tamén de prexudicar o menos posible aos provedores.