O Concello e a Universidade de Santiago valorarán actuacións para o estudo dos pasadizos subterráneos do centro histórico

172

O Concello e a Universidade de Santiago de Compostela, a través do grao de Enxeñaría en Xeomática e Topografía que se imparte no campus de Lugo, analizarán as posibilidades de colaboración para levar a cabo unha investigación técnica sobre as grutas ou pasadizos subterráneos do centro histórico.

Ambas as partes, xunto coa asociación de Dédalo de Brig, que realizou diversos traballos na zona, manterán un encontro a próxima semana no que valorarán a posibilidade de realizar diversas actuacións para ter un maior coñecemento da estes pasadizos subterráneos.

Así o explicou a alcaldesa, María Barral, despois de que nos últimos días mantivese reunións con representantes de Dédalo de Brig. A intención, indicou María Barral, é tratar de abrir unha vía de comunicación xunto á entidade betanceira e a Universidade que, dentro dese grao, entendemos que tamén está “interesada na posibilidade de levar a cabo diversos traballos técnicos”.

O principal obxectivo sería “trazar os mapas desas grutas, o percorrido, profundidade… é dicir, as súas características como punto de partida a outros pasos”. María Barral considera prioritario coñecer estes datos e o estado no que están para así poder valorar “actuacións futuras que poderían ser moi interesantes e cun importante potencial para Betanzos”. A primeira edil explicou que existen datos de inicio dalgunhas grutas en vivendas particulares, pero non se coñece “o percorrido das destas, como as que supostamente parten de Santa María ou San Francisco”.

O traballo coa Universidade permitiría, ademais de coñecer o percorrido destas galerías, tamén o percorrido de antigos tramos de rede de servizos, dos anos 40 ou 50 dos que non existe constancia exacta da súa localización. De feito, o achado do acceso á gruta localizada en Santa María produciuse por mor das obras de mellora da rúa que levaban á súa vez incluídos a dotación de novos servizos.