O Concello ordena o derrubamento da vivenda número 59 da Ribeira ante o risco de afundimento de todo o edificio, de tres andares

270

O Concello executa os traballos para retirar elementos da vivenda situada na rúa Ribeira número 59 despois de que o pasado sábado parte desta se derrubase na vía pública. Os traballos foron supervisados polo persoal técnico municipal e céntranse na retirada de todas aquelas partes da vivenda que corrían risco de desprendemento.

Paralelamente, mantívose cortada ao tráfico a rúa por motivos de seguridade. Sobre esta vivenda o Concello tramitara un expediente en 2018 no que se ditaba unha orde de execución na que se ordenaba á propiedade do edifico a adoptar unha serie de medidas de carácter urxente de protección e apuntalamento e levar a cabo o derrubamento parcial ou a rehabilitación do edificio.

Concedida a licenza, dous anos despois, o 18 de outubro de 2022 foi declarada a súa caducidade ao non executar ningunha actuación. Tras a caída de elementos á vía pública o pasado sábado e unha vez acordoado o tramo, detéctanse que os danos que ten a vivenda poden causar o derrubamento do último andar, do tres que dispón, co risco de caída sobre a vía pública ou a vivenda da beira, que está baleira.

O resto da fachada presenta de forma xeneralizada perigo de caída de material sobre a beirarrúa, como cornixas, vidros ou outros materiais. Tendo en conta que se trata dunha rúa cunha importante circulación de tráfico e de persoas, o Concello ordenou a inmediata execución dos traballos para evitar caída de material, que serán pagados polas persoas propietarias de maneira subsidiaria.

Ademais, ordenaráselle realizar outra serie de actuacións, ao declarar en ruína técnica a vivenda ao presentar un esgotamento xeneralizado dos seus elementos estruturais fundamentais. Estes traballos centraranse no derrubamento do inmoble, que terá que executar a persoa propietaria directamente. Para mañá está previsto que se poida abrir de novo ao tráfico a rúa, a condición de que conclúan os traballos. En caso contrario, e ante o risco de novos desprendementos, o Concello manterá o dobre sentido de circulación no Malecón.