O Goberno atende a petición do Concello e acelera a mellora do cruzamento da Magdalena

187

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) acaba de licitar, por 220.822,92 euros (IVE incluído), o contrato de mellora de intersección da antiga N-VI coa avenida Fraga Iribarne na zona da Magdalena.

 

 

 

O anuncio do Ministerio responde á petición realizada pola alcaldesa, María Barral,  nas reunións, primeiro, coa Delegación do Goberno en Galicia, coa Demarcación de Estradas do Estado e coa Dirección xeral de Estradas, con cuxo máximo responsable, Javier Ferreiro Lizano, mantivo o pasado mes de xullo un último encontro en Madrid para fixar os termos da actuación.

Trátase dun proxecto que o Concello demandou desde hai anos para mellorar a seguridade nun punto cunha importante densidade de tráfico e que “ata agora non foi atendida polos distintos gobernos”, sinalou a primeira edil, quen agradeceu “tanto a disposición da Delegación do Goberno para atender a nosa proposta como o compromiso adquirido desde o primeiro momento por parte de Estradas do Estado para abordar o proxecto de forma inmediata”.

Con esta licitación o Goberno, que ten a competencia nesta vía, abordará unha reforma dun dos puntos negros do Concello canto á sinistralidade que permitirá aumentar a seguridade nun cruzamento no que, en determinadas horas do día, coincidindo coa saída ou entrada dos colexios, se producen tamén retencións.

Esta obra forma parte dos acordos alcanzados pola alcaldesa co Ministerio para a cesión da antiga N-VI entre Queirís e a Ponte Nova que incluirá outras actuacións de mellora no pavimento e sinalización da vía previas ao acordo entre o Ministerio e o Concello.

Entre os traballos incluiranse o acondicionamento do pavimento, a sinalización, e a mellora de beirarrúas na zona do colexio de Atocha.

“Aínda que a intención era a de recepcionar a estrada polos beneficios que iso supón tanto para o Concello como para a veciñanza, á hora de xestionar este viario e poder afrontar actuacións que humanicen unha zona que agora mesmo é netamente urbana, o certo é que non podiamos aceptar a cesión sen que antes houbese un compromiso de execución dunha serie de actuacións que levamos anos expondo por parte do Concello”, explicou.