O Concello e Estradas pechan en Madrid un acordo de mellora da antiga N-VI en paralelo á cesión da estrada para que sexa municipal.

248

O Concello e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana chegaron a un acordo para acometer unha serie de melloras na antiga N-VI en paralelo á cesión por parte de Estradas do tramo comprendido entre Queirís e a Ponte Nova, é dicir, o tramo da antiga N-VI ao seu paso pola zona urbana.

 

 

Así o acordaron en Madrid a alcaldesa, María Barral, e o director xeral de Estradas, Javier Ferreiro Lizano, nunha reunión mantida no Ministerio na que a primeira edil expuxo unha serie de necesidades a acometer na estrada para mellorar o seu estado e a seguridade viaria, acordando que esas actuacións se executasen en paralelo á cesión da vía ao Concello.

Neste sentido, María Barral amosou a súa satisfacción “pola disposición do director xeral de Estradas e o seu compromiso de executar as obras expostas desde o Concello, que redundarán nunha importante mellora do tramo e de seguridade, especialmente nas zonas de entrada á cidade tanto desde Atocha como desde A Magdalena”. Os traballos expostos e que serán executados por Estradas incluirán o acondicionamento do pavimento, a sinalización, a mellora de beirarrúas na zona do colexio de Atocha, no tramo que será cedido por Estradas (Queirís-Ponte Nova), e a construción dunha nova rotonda na zona da Magdalena, cuxo tramo,  polas normativas actuais, terá que seguir dependendo do Estado.

Con este encontro en Madrid, a alcaldesa finaliza un longo proceso de reunións e negociacións que comezaron hai meses en Galicia para, primeiro, definir os termos da cesión da estrada e logo establecer as actuacións necesarias. “Aínda que a nosa intención era a de recepcionar a estrada polos beneficios que iso supón tanto para o Concello como para a veciñanza, á hora de xestionar este viario e poder afrontar actuacións que humanicen unha zona que agora mesmo é netamente urbana, o certo é que non podiamos aceptar esa cesión sen que antes non houbese un compromiso de execución dunha serie de actuacións que o Concello leva expoñendo”, explicou. Entre esas actuacións figura a rotonda do cruzamento da Magdalena, un cruzamento cunha importante densidade de tráfico e un dos puntos negros canto a sinistralidade.

Tras a reunión de Madrid, o goberno local levará a Pleno a proposta de solicitude oficial de cesión da estrada.

Conexión co porto

Nese mesma zona Adif estudará a conexión coa zona portuaria. Despois de que o Concello se negase a aceptar a proposta exposta por Adif,  moi preto do actual paso a nivel  ante o impacto que suporía, e de que o Ministerio descartase a alternativa do Concello polo custo económico, está a estudarse unha vía, que conta co apoio, en principio, das dúas administracións, para conectar precisamente a zona da  Magdalena co porto a través dun pequeno viaduto.