Rutas polo Mandeo na embarcación municipal para asociacións e público en xeral

1118
Betanzos apuesta polas rutas fluviales polo río Mandeo na Diana Cazadora

O Concello recupera o programa de rutas turísticas a bordo da embarcación municipal Diana Cazadora. Trátase dunha actividade que tivo que paralizarse como consecuencia da pandemia durante os últimos anos, pero que o Concello porá de novo en marcha a partir do 18 deste mes.

Terá dous usos. Un dirixido ás asociacións de Betanzos que a partir de entón poderán reservala para as súas actividades e encontros os venres, sábados e domingos.

Para VER a disponibilidade da embarcación municipal prema aquí

O outro, para o público en xeral con desprazamentos polo río Mandeo os martes e os xoves, con horarios que dependerán das mareas. Iso si, non estará dispoñible os días da Feira Medieval, e do 14 ao 25 de agosto coincidindo coas festas patronais.

A embarcación partirá todos os martes e xoves desde o Paseo da Tolerancia. A primeira viaxe será o día 21 deste mes. Ao longo do percorrido, dunha hora e media,  as persoas participantes coñecerán aspectos da fauna e flora, a historia da cidade vinculada ao río; o cultivo do viño e distintos aspectos da Reserva da Biosfera, ata o campo dos Caneiros. A embarcación dará a volta cara a Betanzos, sen parar no campo, xa que non está incluída a visita a este.

As persoas que estean interesadas deberán dirixirse á Oficina de Turismo para cubrir a inscrición e pagar a cota das actividades.  O prezo da viaxe é de 5 euros para persoas adultas e 1 euro para nenos/as de catro a doce anos e o pagamento deberá realizarse en efectivo. A capacidade máxima da viaxe será de 55 persoas. Para realizar a viaxe precísase un número mínimo de 10 persoas.

Por outra banda, durante o próximos tres meses desenvolveranse tamén varias visitas guiadas ao centro histórico ante a demanda que ten esta actividade. Realizaranse os días 15, 22 e 29 de xullo; 5, 12 e 19 de agosto e 10 de setembro. As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Turismo ou ben recibir máis información no 981 776 666.  As visitas realizaranse ás 11.30 horas.

Tamén haberá unha especial dirixida aos nenos e ás nenas, que coincidirá coa celebración da Feira Medieval. Será  “O medievo para nenos/as” que terá lugar o día 7 de xullo ás 11.30 horas. Os nenos e as nenas interesadas, entre 4 e 12 anos, poderán inscribirse na Oficina de Turismo. As e os participantes poderán acudir a esta actividade vestidos de época medieval. Esta actividade ten un máximo de 35 prazas.