Un dispositivo especial de vixilancia da Policía Local e a Garda Civil xunto coa colaboración cidadá posibilita a detención de dúas persoas tras roubar nun local e tentar entrar noutros cinco

676

Os dispositivos de colaboración e vixilancia de Policía Local e Garda Civil propiciaron a detención nas últimas horas de dúas persoas que responden as iniciais I.V.B. e M.R.C, de 46 e 43 anos de idade, respectivamente, veciños de Betanzos. Ambos os dous contan con antecedentes penais por feitos similares polos que se produciu a súa detención na madrugada do domingo ao luns pasado.

Os feitos producíronse sobre as 03.00 horas cando se produciron senllas chamadas veciñais á Policía Local nas que se advertía que dous individuos estaban a forzar a fechadura dun supermercado e unha cervexaría. Nese momento, activouse un protocolo especial da Policía Local e a Garda Civil. Unha hora máis tarde, xa con dúas patrullas na zona (unha de cada corpo), outro veciño alerta da presenza dos dous individuos na rúa Cañota tentado entrar noutro local. Os axentes localízanos aínda que I.V.M e M.R.C. emprenden unha fuxida cara a unha zona de hortas próxima ao río Mandeo.

A Policía Local e a Garda Civil mantiveron o dispositivo de vixilancia na zona que deu os seus froitos minutos máis tarde cando de novo, os dous detidos, tentaban entrar a outro local na mesma rúa Cañota, forzando a porta de acceso. Nese momento iníciase unha persecución pola mesma zona de hortas urbanas que dá coa detención das dúas persoas, ás que se lles incauta ferramenta para forzar as fechaduras.

Os dous detidos pasaron a disposición xudicial.

En total, esa mesma noite tentaron acceder a cinco locais, conseguindo a entrada nun, onde subtraeron uns 400 euros na rúa Fonte de Unta.

A Policía Local e a Garda Civil investigan agora a posible relación destas dúas persoas con outra serie de intentos de roubo e noutros casos roubos que se produciron nos últimos días en establecementos de hostalaría e vehículos estacionados en diversas rúas.

A colaboración entre os dous corpos de seguridade a través destes dispositivos púxose en marcha hai unhas semanas por mor dunha serie de intentos de roubo en vehículos e nalgún local.

Nesa liña, está prevista tamén unha reunión estes días entre o goberno local, a Policía Local e a Garda Civil de cara a avanzar noutros aspectos de colaboración.