O Concello encargará o primeiro Plan de Mobilidade urbana sostible que incluirá o deseño de zonas peonís e creación dun carril bici

471

O Concello encargará a redacción dun Plan de Mobilidade coa intención de programar e implantar de forma paulatina actuacións que permitan mellorar os desprazamentos dentro da cidade.

 

 

As actuacións incluirán, entre outras, as actuacións de promoción da mobilidade peonil (peonalizacións e restricións de tráfico); implantación de Plan Director da bicicleta co deseño de itinerarios seguridade polo armazón urbano, carril bici, rede de aparcadoiros e a ampliación do camiño escolar seguro.

A alcaldesa, María Barral, indicou que se trata dun aposta por mellorar a seguridade e a mobilidade cunha primeira fase de diagnose e deseño das actuacións que tamén incluirán aspectos relacionados con aparcadoiros disuasorios para liberar prazas no centro e regular zonas de carga e descarga; unha reordenación de tráfico con actuacións de limitación de velocidade a zonas 30 e áreas de prioridade residencial ou o deseño de novas áreas vinculadas ao transporte público.

Todo encamiñado a buscar unha nova mobilidade ou a mellorar os desprazamentos no actual deseño para facer compatibles crecemento económico, cohesión social e defensa do medio ambiente, garantindo, desta forma, unha mellor calidade de vida.

Os principais beneficios que se busca co deseño deste Plan de Mobilidade Urbana Sostible son: diminución de atascos, conxestión, ruído, contaminación atmosférica, accidentes, diminución do consumo de enerxías non renovables, promovendo o uso doutras enerxías máis limpas, mellora dos servizos de transporte público, mellora das condicións de accesibilidade e a mellora da calidade do medioambiente urbano.

Co obxectivo de optimizar a circulación no viario existente, principalmente nas zonas conflitivas, deseñarase un programa integral de tráfico que englobe tamén a optimización dos sentidos de circulación, cruces, interseccións, accesos, semáforos e tráfico de mercadorías. Primeira actuación.

A alcaldesa adiantou que dentro do Plan Director da bicicleta está a traballarse nun proxecto para, de forma paralela ao plan de mobilidade, contemple unha primeira actuación na zona do Carregal que inclúa esta avenida e as rúas adxacentes na contorna tamén da pista de ciclismo. Trátase dun proxecto que incluirá tamén a mellora de toda esta avenida e que levará, dentro das obras previstas, a creación dun primeiro carril bici.