Máis de 500 persoas utilizaron o bus gratuíto á praia que por primeira vez puxo en marcha o Concello

24

O Concello anunciou que a aceptación que tivo o servizo gratuíto do bus de praia fará que “o próximo ano se programe non só desde agosto senón desde principios de xullo”.

Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, que indicou que desde o día 3 de agosto, primeiro luns que se puxo en marcha o servizo, ata hoxe, último día, máis de 500 persoas utilizaron esta liña “o que demostra que hai un interese e demanda por este servizo”.

Aínda que houbo días nos que non funcionou o servizo polas condicións meteorolóxicas adversas, o certo é que “a media diaria foi de máis de 30 persoas, especialmente novas, e maiores con nenos pequenos aos que lles era máis fácil desprazarse á praia en autobús que facelo en vehículo privado”.

A alcaldesa indicou que a intención é que o próximo ano o servizo poida comezar no mes de xullo e se prolongue, como este, ata mediados de setembro. “Este ano era unha experiencia piloto, pero vemos que ten aceptación”, explicou María Barral, que indicou que “se terán en conta as suxestións que as persoas usuarias fixeron este ano como a ampliación do horario ou os días. Estudarémolos e estableceremos o servizo para o ano que vén, mais contando con eses dous meses e medio de servizo”. O bus funcionou os luns, mércores e venres en horario de 15:15 h a 19:30 h.

Feira

Por outra banda, o goberno local confirmou tamén que o día 16 de este mes realizarase de novo a feira mensual, mantendo como a do día 1 as medidas extraordinarias de seguridade. Con catro entradas e saídas, reguladas e vixiadas e con corredores cun ancho suficiente para que as persoas visitantes poidan desprazarse e manter a distancia social de seguridade.