O Concello e a Deputación dan luz verde a un investimento de 525.000 euros para executar a primeira fase das obras de rehabilitación do parque do Pasatempo.

507

O Concello de Betanzos e a Deputación Provincial da Coruña dan luz verde a un investimento de 525.000 euros para executar a primeira fase das obras de rehabilitación do parque do Pasatempo.

Tras meses de trámite para contar coas autorizacións necesarias por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para a execución das obras nun espazo declarado BIC, o pasado mes de febreiro, a Deputación aprobou esta tarde en comisión e o vindeiro 25 de setembro en pleno o convenio de colaboración co Concello para financiar os primeiros traballos, que permitirán recuperar os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro.

Así o anunciaron hoxe no propio parque a alcaldesa, María Barral, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a visita oficial do presidente á nosa cidade. Tamén acudiron o concelleiro de Obras Públicas e Servizos, Diego Fernández; o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida; o vicepresidente da entidade provincial, Xosé Regueira; o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández; o arquitecto redactor do proxecto, Xan Casabella, e os portavoces dos distintos grupos políticos da corporación betanceira, así como representantes da asociación Amigos do Pasatempo.