O Concello ampliará o horario do cemiterio municipal e sinalizará a dirección dos distintos corredores dentro do protocolo Covid

576

O goberno local presentou hoxe o protocolo de seguridade que levará a cabo no cemiterio municipal coincidindo co día de defuntos, no que se agarda a visita de centenares de persoas. Á espera de coñecer as medidas que establecerá a Xunta, algo anunciado pola propia administración autonómica pero que a día de hoxe aínda se descoñecen, o Concello pretende aplicar unha serie de actuacións en materia de prevención e seguridade para logo “adaptarse ao protocolo da Xunta no caso de que fose máis restritivo, aínda que, na situación actual e tendo en conta que as medidas durarán 15 días, consideramos que son suficientes para garantir a seguridade”, explican fontes municipais.

O goberno local explica que para aplicar estas accións é necesario “contar con tempo suficiente para establecelas e non deixalas para o último día”. Neste sentido, o edil de Infraestruturas, Diego Fernández, indicou que o protocolo sinalizará as direccións nas que se deberá transitar polo camposanto. En cada corredor indicarase a dirección obrigatoria para non cruzarse con outras persoas, evitando “que se formen grupos de máis de cinco persoas”.

Haberá unha entrada de acceso ao cemiterio municipal e outra de saída e o Concello disporá dun dispositivo de seguridade, formado por varias persoas, que velarán polo cumprimento da normativa. Na entrada disporase de dispensadores de hidroxel.

A maiores, para facilitar a asistencia ao cemiterio durante eses días e evitar aglomeracións, ampliarase o horario. Así, abrirase ás 09:30 h da mañá e pecharase ao oito da tarde, de forma continuada, desde o xoves día 29 ao luns día 2, ambos os dous incluídos.