O Concello adquire ao Centro Pai Menni bolsas estampadas a man co lema “Betanzos tan cerca” para campañas de promoción

246
A alcaldesa María Barral xunto aos representantes do centro "Pai Menni"

O Concello encargou de novo ao centro Pai Menni a confección de bolsas para campañas institucionais co lema Betanzos tan Cerca. Trátase de bolsas de papel que os alumnos/as deste centro especial estamparon a man co lema do Concello e o escudo.

A alcaldesa, María Barral, explicou que tras o éxito e o resultado da primeira quenda de bolsas, o Concello decidiu continuar e repetir o mesmo formato para utilizar estas bolsas nas campañas promocionais tanto nos actos institucionais como de apoio ao comercio e hostalería local.

“Substituímos  as bolsas que o Concello utilizaba nos actos institucionais, que levaban o escudo do Concello realizado en serie, en imprenta, por estas bolsas confeccionadas unha a unha polo alumnado de Pai Menni”. Bolsas de diferentes tamaños que serán tamén, esa é a intención do Concello, utilizadas en campañas de apoio á hostalería e o comercio.

Esta acción forma parte da liña de apoio e colaboración do Concello co centro Pai Menni. A primeira edil destacou o traballo dos alumnos/as do centro e espera que “sirva como exemplo para que outras administracións tamén encarguen este tipo de traballo”.

Neste sentido, comprometeuse a que as bolsas sexan visibles en feiras turísticas nas que está presente o Concello así como nos actos institucionais “onde se dará visualización ao traballo que realiza o Centro Pai Menni”.