O Concello solicitaralle á Xunta que reforce o transporte escolar para que todo o alumnado que reside na zona de Bellavista poida dispoñer deste servizo durante o presente curso. O goberno local pediralle á Xunta que realice unha reorganización do servizo co fin de que o case vinte alumnos e alumnas que agora non teñen transporte escolar “poidan telo ao longo do curso” e se garanta para os que agora dispoñen do servizo mentres a súa praza non se cobre por algún alumno ou alumna cuxa parada estea antes que a de Bellavista.

Trátase dunha zona que está no límite dos dous quilómetros de distancia co centro escolar e que, por tanto, o alumnado que reside nela non ten dereito a utilizar o autobús. Con todo, sempre “se deu o servizo dada a cantidade de alumnos e alumnas e para facilitar a chegada ao colexio debido a que para asistir a clase teñen que cruzar todo o centro urbano de Betanzos, de punta a punta”.

Ata o de agora, o alumnado utilizaba o servizo de transporte que traslada a escolares de Coirós a Betanzos. Para este curso o número de prazas libres no bus, cando chega a Betanzos, reduciuse polo alumnado que sobe ao autobús en paradas anteriores á de Bellavista e, por tanto, “cando chega a esta zona non quedan prazas libres para todos os residentes, e quedan case 20 sen servizo”. Esta situación provoca, por unha banda, malestar e problemas nas familias que non poden utilizar o autobús e a incerteza nos pais e nos propios alumnos e alumnas que agora si que o utilizan pero non teñen a certeza de saber se poderán facelo durante todo o curso.

Tanto os pais e as nais como o Concello son conscientes de que “se trata dunha situación excepcional”, mais tamén de que a distancia, nese límite dos dous quilómetros, “non debe de ser o que marque o poder utilizar ou non o autobús, cando sempre se fixo e cando para chegar ao colexio os nenos e as nenas, de infantil e primaria, teñen que percorrer toda a cidade dunha punta a outra, subindo e baixando rúas, e ademais pasando por zonas de alta intensidade de tráfico”. O goberno local considera que é “necesario que a Xunta escoite esta demanda e a atenda porque é unha medida fundamental tanto pola seguridade dos pequenos e pequenas como pola conciliación familiar e laboral. O Concello fai esforzos con outros servizos como as actividades extraescolares ou o servizo de comedor, e entendemos que agora, neste tema, é a Xunta a que debe escoitar a estas familias, ao Concello e liquidar canto antes o problema”.