O Concello pon en marcha “Betanzos Acompáñate”, o novo programa de apoio a persoas maiores de 65 anos en soidade non desexada

20

O Concello pon en marcha o programa de prevención da soidade non desexada “Betanzos Acompáñate”  cunha  serie de reunións informativas coas asociacións veciñais, o comercio de proximidade, e o ámbito sociosanitario.

O obxectivo primordial desta primeira fase é dar a coñecer o programa, pero tamén involucrar a diferentes axentes chave para a creación dunha rede de acompañamento e de apoio a persoas maiores que estean nesta situación. Betanzos Acompáñate levará asociado ademais unha serie de actividades e servizos, como o seguimento telefónico de casos, a creación dos comercios amigables, conversas arredor dun café, ou a constitución dunha bolsa de tempo por tempo.

Para descargar o díptico prema aquí

O programa está dirixido ás persoas maiores de 65 anos que viven soas e desenvolverase en fases, de tal maneira que unha desencadee necesariamente á outra buscando en todo momento a participación comunitaria, para facer  un programa vivo e dinámico.

A primeira, que se desenvolve nestes momentos,  centrarase nunha recompilación da información para establecer  liñas de acción que incluirá, entre outras cousas, entrevistas con persoas maiores do municipio que estean en situación de desprotección ou soidade non desexada, detectadas a través de recursos municipais existentes.

A segunda fase  centrarase en tecer redes. De forma paralela á primeira fase, crearanse sinerxías entre os servizos sociais comunitarios e outros servizos locais, de cara a ofrecer un acompañamento integral ás persoas maiores en casos de soidade. De especial importancia será a coordinación cos centros sociosanitarios de referencia, comercios locais, centros de saúde, farmacias, etc. Haberá tamén reunións de colaboración coas principais entidades sociais do municipio: como asociacións veciñais, culturais, de mulleres, entidades de inclusión e acción social, clubs deportivos, etc.

Unha vez realizados todos estes contactos, comezarase a crear a Rede contra a soidade non desexada, na que se fomentará o sentimento de humanidade .

A terceira fase será a de crear actividades.  Unha vez existan casos detectados e toda a información sobre o programa e a soidade non desexada sexa divulgada, crearase unha oferta de actividades e servizos destinadas ás persoas maiores con especial dificultades de relación e que poidan estar pasando por unha situación temporal ou permanente de soidade non desexada.  As actividades, así como a súa difusión, realizaranse contando con recursos e servizos municipais propios, en coordinación coas distintas áreas municipais.

As actividades programadas para esta fase son: “ESPERTANDO CONCIENCIAS”. Trátase dunha actividade para facer do programa un sinal de identidade betanceiro. Presentarase como a base sólida que precisa a veciñanza e a comunidade, apelando á solidariedade social, para asentalo, darlle continuidade e facer del un xeito de vivir en Betanzos. Incluirá:

  • Sensibilización e concienciación sobre a soidade non desexada.
  • Difusión comunitaria do programa enfocada á cidadanía.
  • Facilitar o decálogo para familiares e persoas próximas a maiores.
  • Contactos semanais, quincenais ou mensuais entre o persoal responsable do programa e as persoas usuarias.
  • Comercios amigables coas persoas maiores: prestar especial atención ás persoas maiores dende os comercios máis frecuentados por elas:
    • Contactos entre o persoal responsable do programa e os responsables de: perrucarías, comercio de proximidade, mercado, etc.
    • Facilitarlles información detallada aos e ás comerciantes con respecto do programa.
  • Facer das FARMACIAS puntos de información fiable e de referencia para os maiores:
    • Solicitar a colaboración para coñecer que información poden facerlles chegar ás persoas maiores para o seu coidado: exceso de medicinas na casa, non recollida periódica, reciclaxe, queixas da saúde, desánimo, etc. Contactos persoais entre o persoal responsable do programa e as farmacias.
    • Facilitarlles información detallada ás farmacias con respecto ao programa e os seus materiais de difusión.
  • Achegar o programa ao CENTRO DE SAÚDE como lugar de coidado da saúde física e emocional:
    • Contactar coa unidade de Traballo Social do centro de Saúde do municipio para coñecer a súa disposición en canto a facilitar pautas sobre hábitos en saúde emocional a: persoas maiores, familiares de persoas maiores, e persoas que teñan contacto con persoas maiores.
    • Facilitar información detallada respecto do programa e os seus materiais de difusión.

Haberá tamén unha acción que xa comezou o Concello durante a pandemia e que seguiu desenvolvendo con bos resultados e que agora, segundo María Barral, potenciarase con este programa. Denominarase  “AO APARATO” e terá un número de teléfono  para persoas maiores, unha hora e media semanal nos servizos socias comunitarios para que as persoas maiores que desexen falar da súa situación relacionada coa soidade non desexada e que precisen de soporte emocional, poidan facelo durante estas chamadas de 15 minutos de duración. Farase sempre no mesmo horario e o mesmo día da semana para crear rutinas nas chamadas. Despois da primeira comunicación, o persoal técnico encargado do programa contactará directamente coas persoas.

Outra das accións será  “FACENDO GRUPO”, creando un espazo para persoas que desexen coñecer xente que se encontran soas ou illadas, poñendo a disposición café ou infusión gratuíta para falar de maneira distendida.

En paralelo farase ademais o que o programa denomina “O GRUPO MEDRA”. Para crear unha rede de persoas maiores ao xeito de Brigada de Maiores que procuren os autocoidados do grupo: asegurar non sentir soidade, obrigarse a saír, pasar o tempo en compaña, que ninguén se quede sen ter contactos sociais, espertar o sentimento de solidariedade cara outras persoas en situación de soidade.

Tamén está previsto articular unha bolsa de tempo altruísta sen ánimo de lucro para que calquera maior de 16 anos poida ofrecer un servizo a unha persoa maior que se atope en situación de vulnerabilidade dentro da acción  “TEMPO POR TEMPO”. Similar a un voluntariado pero de menor duración xa que sería un máximo de 30 minutos e non sempre sería coa mesma persoa. Tarefas para desenvolver cara ás persoas maiores: facer recados, recoller medicamentos na farmacia, acompañamentos, xogar ás cartas no domicilio se hai problemas de mobilidade e non pode saír da casa, ir á casa para saír á rúa a atoparse con outras persoas maiores, ir á biblioteca e coller libros, escoitar, charlar, ensinar a manexarse co móbil. As persoas maiores poden achegar os seus saberes, receitas tradicionais, café de pota, música de antes, historias da súa época, dispositivos de antano (radio, casete, tocadiscos).