O Concello presenta un amplo programa de actuacións de prevención no lecer nocturno dirixido á mocidade que comezará na Semana Santa

99

O Concello iniciará, coincidindo coa Semana Santa, un programa de prevención comunitaria no lecer nocturno a través de Servizos Sociais que se prolongará ao longo de todo o ano. A alcaldesa, María Barral, presentou hoxe o programa de accións que xorden polos cambios e as formas de lecer da xente moza nos últimos anos con respecto ás xeracións pasadas,  “unha realidade á que os municipios e cidades deben atender dentro da súa axenda social”, apuntou Barral.

A realidade social e os cambios de espazos de socialización e as formas de interacción da rapazada, entrando en xogo variables como o uso das tecnoloxías e das redes sociais; o abuso  de drogas legais a idades temperás, a estabilización doutras de síntese na adolescencia, e a irrupción de substancias das que aínda non se coñecen os seus efectos;  sumado a conflitos que  supoñen danos ao patrimonio público, o vandalismo ou as agresións entre iguais; xunto con discursos e actuacións sexistas que poden ter calado nas novas xeracións fan necesario “poñer en marcha un programa de prevención que inclúa actuacións en diferentes ámbitos”.

Outro dos aspectos que inflúen é o auxe dos locais de lecer nocturno en detrimento do espazo democratizador da rúa. O Concello non é alleo a esta panorámica global, e observa nos últimos tempos un incremento dos problemas relacionados cun lecer nocturno irresponsable, coa afluencia de xente moza proveniente tamén doutras cidades próximas, ruído ambiental nas noites de lecer, queixas da veciñanza polos horarios dos locais, rexistro de venda ao por menor, agresións entre a mocidade, violencia sexual a algunha menor, etc.

Aínda que os datos que se manexan dende os diferentes servizos municipais como son os Servizos Sociais, a Policía Local, a Garda Civil… non alertan dunha situación crítica, si que informan de que é preciso desenvolver, segundo a alcaldesa,  “políticas públicas encamiñadas á prevención comunitaria no eido do lecer nocturno, dende un enfoque construtivo, e tendo en consideración moi especialmente tanto á xuventude como aos diferentes axentes sociais implicados. Só así poden desencadearse cambios profundos e transformadores dende un enfoque baseado na convivencia”.

Así, o programa que porá en marcha o Concello terá como obxectivos principais reducir as condutas de risco relacionados cun uso nocturno irresponsable na mocidade,  rebaixar o impacto ambiental e social que estas condutas de risco poden desencadear na comunidade, sensibilizar á poboación moza da necesidade de xerar hábitos nocturnos saudables, colaborar e coordinar pautas de accións coas persoas propietarias e persoal dos locais de lecer nocturno, tales como protocolos, guías, etc, e formar ao persoal traballador dos locais de lecer nocturno para un lecer seguro e libre de estereotipos sexistas, establecendo sinerxías cos diferentes axentes sociais comunitarios como asociacións veciñais, colectivos xuvenís, etc.

A primeira acción será durante esta Semana Santa e estará centrada na prevención do consumo de alcohol e outras drogas.

O programa desenvolverá actuacións de carácter preventivo no lecer nocturno, “no que vemos a necesidade de actuar para previr o abuso no consumo de alcohol e no uso doutras substancias psicoactivas, dende o perspectiva da sensibilización, a información e formación dos distintos colectivos implicados”.

A campaña denominarase  #Aquexogas? Coñece as normas. Ti decides”

Esta actuación basearase na intervención, en contornas de lecer nocturno, dun punto de sensibilización con paneis informativos sobre as distintas drogas e os seus efectos, por conta de persoal especializado. Tamén se contará con paneis de códigos QR, para o seu escaneo e consulta de vídeos e ligazóns de interese que dean resposta e conviden á reflexión sobre as razóns que poden motivar ao consumo de substancias aditivas. Neste punto de sensibilización haberá espazo para a realidade virtual, con actividades como un circuíto con lentes simuladoras dos efectos perniciosos que teñen as drogas no corpo e na mente de quen as consume. Ademais do punto fixo, poderase habilitar un punto itinerante, onde o persoal especializado poderá interactuar coa rapazada que estea na rúa ou nos locais de lecer nocturno. En ambos os casos utilizaranse folletos informativos e outros materiais preventivos como un “rasca e gaña” sobre as consecuencias negativas do uso/abuso de substancias, e onde crear materiais personalizados de difusión.

Esta actividade completarase nas vindeiras semanas con outras accións como unha de carácter formativo denominada  “Lecer nocturno responsable”. Estará enfocada ao persoal de locais de hostalaría que intervén no desenvolvemento de actividades de lecer nocturno en discotecas, pubs, cafetarías, etc., ben sexan como titulares dos establecementos, ou ben como organizadores de eventos, persoal de seguridade, de sala, de control de accesos, de barra ou calquera persoal auxiliar ou de servizos. Ademais de ofrecer formación sobre como actuar fronte ao uso abusivo do alcohol e doutras drogas na poboación, tamén se proporcionará un marco de referencia para unha mellor prevención e actuación en caso de posibles danos colaterais, como incidentes, liortas, etc. Impartirase de forma presencial cunha duración de catro horas ao longo dunha mañá, utilizando dinámicas de grupo, resolución de casos prácticos, soportes audiovisuais, dípticos informativos, etc.

Unha terceira pata da campaña estará centrará en “conversadoiros comunitarios”. Realizaranse charlas coloquio con asociacións, colectivos e axentes sociais sobre substancias aditivas e os seus efectos. Estas intervencións susténtanse en estratexias de influencia, e o seu obxectivo fundamental é incrementar o nivel de coñecementos e modificar actitudes fronte ás drogas e as adiccións mediante unha información veraz, de calidade e ben presentada.

O programa tamén terá outra serie de accións canto a prevención da violencia sexual e outras violencias machistas para tentar atallar a problemática da violencia sexual entre a xente moza.

Entre elas, establecerase un protocolo de colaboración fronte ás agresións sexuais nos locais de lecer nocturno: Betanzos en violeta.

Elaborarase este protocolo en estreita coordinación con propietarios e propietarias e demais persoal empregado dos locais de lecer nocturno betanceiro, así como coas forzas e corpos de seguridade que operan no municipio.

Cada local adherido a este protocolo recibirá un adhesivo que o identificará como espazo seguro fronte ás agresións sexuais, visible para a cidadanía.

Ademais crearase un Punto violeta en festas patronais e eventos multitudinarios. A instalación deste tipo de puntos de sensibilización para a poboación, nos que se ofrece información e asesoramento fronte ás violencias machistas, con especial énfase na violencia de tipo sexual, levan desenvolvéndose xa no Concello dende o ano 2022, como proxecto piloto, se ben foron perfeccionándose no ano 2023 durante a Feira Franca Medieval e as festas patronais do San Roque, incluídas as dúas xiras dos Caneiros, e contando con persoal externo especializado.

A primeira edil explicou que dentro de este bloque de actuacións do programa desenvolverase a denominada “Mapeando o medo”. En colaboración con asociacións veciñais, colectivos de mulleres e asociacións xuvenís “realizaranse diferentes encontros de participación para mapear a cidade brigantina, identificando puntos negros, zonas pouco seguras, de difícil acceso, con pobre iluminación, etc. de cara a rachar coa inseguridade das mulleres e rapazas á hora de volver á casa ou circular libremente pola localidade. Unha vez trazado este mapa, publicitarase nas redes sociais municipais nun formato descargable para o coñecemento da cidadanía”, explicou.

Tamén se crearán os “Comandos xuvenís da igualdade”. De forma paralela a “mapear o medo”, o Concello solicitará a colaboración a entidades xuvenís e centros de ensino para crear grupos de persoas  de entre 16 e 18 anos, que desexen formarse nunha especie de escola de participación da igualdade, para capacitalos de cara a identificar actitudes e comportamentos de risco en violencias machistas, e poder actuar como mediadores nas zonas de lecer nocturno, coa súa correspondente identificación, informando se fose preciso a instancias superiores como servizos sociais comunitarios, CIM ou forzas e corpos de seguridade sobre as súas averiguacións.