O Concello remite o Plan Xeral á Xunta para a súa avaliación ambiental como paso previo á resolución das alegacións e a aprobación provisional

99

O Concello acaba de remitir á Xunta o documento de avaliación ambiental do Plan Xeral tras recibir os 28 informes sectoriais favorables e tras efectuar as correspondentes correccións. O goberno local remitiu o documento á Xunta como paso previo á súa aprobación provisional e á resolución das alegacións, segundo explicou a alcaldesa, María Barral. O plan proposto, xunto co expediente de avaliación ambiental estratéxica, xa está agora en mans da Consellería de Medio Ambiente. Será o organismo autonómico o que emita a oportuna declaración ambiental estratéxica. Trátase do último punto da tramitación. Así, cando a consellería formúlea, o Concello elevará a proposta ao pleno da corporación, que será o que primeiro resolva as alegacións e logo aprobe provisionalmente o plan. Nese momento será remitido á Administración galega para a súa aprobación definitiva.

A alcaldesa, María Barral, indicou que o proxecto é o mesmo no que traballou o goberno local durante os últimos anos e do que se foi informando aos distintos grupos políticos municipais que tamén achegaron as súas propostas. 

O documento prevé 2.210 novas vivendas en chan urbano (1.339 en urbano consolidado, 711 en non consolidado, ás que hai que sumar 160 de ámbitos que contan con plan subsistente). A estas 2.210 novas vivendas en chan urbano, o documento amplía esta cantidade con 177 novas vivendas en urbanizable.  En núcleo rural mantéñense sen apenas variación. Exponse unha capacidade teórica de ata 892 vivendas. En total, Betanzos prevé un límite de 3.279 novas vivendas no período de vixencia do PXOM.

A primeira edil explicou que se trata dun “documento vital para que Betanzos non quede estancado e creza de forma ordenada, con novas zonas urbanas, e por suposto, con novos equipamentos e infraestruturas que fortalezan ou noso municipio como referente comarcal, a nosa economía, ou noso comercio e industria”.

O goberno local destacou que o Plan recibiu unhas 700 alegacións que serán resoltas agora unha vez pase o informe de avaliación ambiental da Xunta, un número que é moi inferior ás que se adoitan presentar neste tipo de procesos en municipios similares a Betanzos o que “demostra que a proposta foi elaborado baixo criterios obxectivos tendo en conta as achegas realizadas por distintos colectivos e grupos políticos, ademais de suxestións recollidas nas distintas reunións veciñais que o goberno local celebrou durante estes anos”. De feito, das 700 alegacións, 200 corresponden ao vial de Infesta que o goberno local xa retirou do plan.

A primeira edil insistiu na importancia que ten o documento de fronte ao futuro para que Betanzos teña unha ferramenta de planificación territorial que por distintas razóns non foi capaz de aprobar durante anos, mantendo unhas normas subsidiarias que non permitiron crecer non só a nivel residencial, senón tampouco a nivel de infraestruturas e equipamentos”.