O Concello pretende incrementar de 20 a 30 minutos a gratuidade do aparcadoiro de Betanzos para favorecer a xestión comercial e evitar os estacionamentos indebidos

496

O Concello pretende incrementar a gratuidade do aparcadoiro subterráneo da praza dos Irmáns García Naveira. Dentro das medidas de apoio ao tecido económico local en todos os ámbitos e para reforzar o papel de cabeceira de comarca, o goberno local pretende establecer un acordo coa empresa concesionaria do aparcadoiro para incrementar o tempo de gratuidade de vinte minutos actuais a trinta. Dez minutos máis que beneficiarán aos usuarios e ás usuarias á hora de realizar calquera xestión na cidade e que reforzará ao tecido empresarial.

A alcaldesa, María Barral, explicou que actualmente o Concello financia períodos inferiores aos 20 minutos, estacionamentos “que axudan na práctica a un importante número de xestións, pero que, ás veces, son insuficientes, dependendo do desprazamento que a persoa usuaria queira facer. Por iso, para colaborar na medida do posible co tecido económico local, desde unha xestoría, ata unha froitaría, unha tenda de roupa na zona nova ou no centro histórico, consideramos que 30 minutos poden axudar a realizar esa xestión e que os potenciais clientes saiban que van contar sempre con estacionamento para facelo”.

María Barral explicou que en Betanzos non hai distancias e que moita xente “xa se move sen coche, mais entendemos que esta medida pode axudar á hora de atraer á compra a veciños ou veciñas que viven na zona rural ou nos municipios limítrofes”.

O sistema de gratuidade que existe na actualidade de 20 minutos implantouse hai uns anos con moi bos resultados. A medida, subvencionada polo Concello, converteu e converte a Betanzos no único lugar de Galicia que promoveu este tipo de iniciativas desde unha administración pública. A través desta subvención municipal, pódense beneficiar uns 2000 vehículos mensualmente, é dicir, uns 24 000 coches ao ano, unha cantidade que se incrementaría co paso aos 30 minutos que pretende implantar o Concello no caso de chegar a acordo coa concesionaria.

O acordo pasaría, como o actual, porque a empresa non bonifique os primeiros 30 minutos, senón que ofreza a gratuidade aos vehículos que estean estacionados menos de 30 minutos.  É dicir, non é acumulable máis tempo. Unha persoa usuaria do aparcadoiro que estea no mesmo por 35 minutos pagaría os 35 minutos. Se esta mesma persoa usuaria estivese os 30 minutos, non tería que pagar ningunha cantidade.

O acordo que pretende alcanzar o Concello manterá o horario actual  de uso do aparcadoiro de nove da mañá a dúas da tarde e de cinco a oito da tarde, de luns a sábado, un horario netamente comercial para apoiar o tecido económico da cidade. A iniciativa ten como obxectivo tamén evitar os estacionamentos indebidos, especialmente, a dobre fila nas rúas do centro da cidade.