O Concello, a través da Concellaría de Infraestruturas, continúa os traballos de roza das vías municipais

747

Trátase dun programa iniciado xa hai unhas semanas que inclúe ademais de traballos de desinfección, outros de roza tanto manuais como a través de máquinas.

Neles participan non só operarios municipais senón tamén de dúas empresas externas contratadas polo Concello. Ata agora realizáronse traballos en todo o centro urbano, limpando os bordos e as beiravías, e, de forma especial, en zonas como a avenida Fraga Iribarne, Saavedra Meneses ou a rúa do Rollo. A maiores realizáronse tamén en lugares de San Martiño (hoxe mesmo), e en días anteriores en Roibeira, Montellos, Infesta, O Tarreo, Abelares, Xanrozo, A Peada- As Casas Novas, A Condomiña, Sanxiao, Talai, Braxe, O Barral, ou Viraventos,

Nos próximos días os labores continuarán nos núcleos de Piadela, Guiliade e Castro. Na estrada de Ferrol está previsto que leve a cabo tamén a limpeza de beiravías e roza por parte do Ministerio de Fomento.

Estes traballos súmanse aos que se están efectuando nestes momentos de mellora da sinalización.

Trátase de arredor de 200 indicadores para mellorar a sinalización na zona rural do municipio. O obxectivo, segundo explicou o concelleiro, é renovar e ampliar a sinalización informativa nos diferentes núcleos do municipio cunha vertical informativa e turística. Indícanse os núcleos, lugares de interese para viaxeiros e viaxeiras, de interese deportivo e recreativo, de interese monumental ou cultural, da rede viaria urbana, zonas de uso industrial e sinalización de benvida ao Concello.

O proxecto incluíu módulos de sinalización direccionais e localización para informar principalmente sobre o inicio de poboacións e situación de lugares de interese para os condutores (igrexas, instalacións deportivas, poboacións, etc). Tamén se colocaron sinais de orientación e indicación, con frechas que se instalaron en cruzamento, interseccións, rotondas ou illotes de estradas ou travesías que indican a dirección a tomar para dirixirse a un destino concreto. Neste tipo ademais do nome da localidade ou lugar de interese indicouse a distancia a esta nuns casos, ou soamente o nome noutros. Informan sobre a dirección de destinos diversos (núcleos rurais, instalacións deportivas, lugares de interese cultural e monumental etc).

A actuación tamén incluíu a colocación de sinais de entrada ao municipio, de tipo tótem, no que se incorporará unha mensaxe de benvida e a imaxe ou ilustración dun recurso emblemático.