O Concello pretende reiniciar as feiras mensuais o 1 de xullo tras unha reorganización dos postos para manter as distancias de seguridade

1004

O Concello reiniciará o calendario de feiras mensuais o 1 de xullo. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, tras manter, xunto á concelleira de Feiras, Mónica Carneiro, unha reunión con representantes da asociación de vendedores e vendedoras ambulantes. O goberno local considera que para entón, dentro xusto dun mes, a feira xa se poderá realizar mantendo as distancias de seguridade, aínda que a día de hoxe aínda non están fixadas “as medidas  polas que se rexerá a súa realizar”. A falta de que as administracións que teñen competencia, como sucedeu cos mercados semanais, definan esa normativa, a idea do Concello é establecer corredores entre postos o suficientemente anchos para manter as medidas de seguridade e tentar establecer unha orde e indicar o sentido da marcha á hora de percorrer os postos.

Para a reordenación da feira, a intención do goberno local é a de non reducir o número de postos de venda senón ampliar a zona de superficie destinada á feira a outras zonas. Nestes momentos a feira conta cuns 140 postos e a idea é non ter que reducir este número senón ampliar o ámbito de venda. Ata agora a feira concentrábase na praza dos Irmáns García Naveira e continuaba pola rúa do Castro, no centro histórico, con algúns postos na zona de Bellavista.

A formulación de reorganización do Concello é o de redistribuír os postos na propia praza, polo centro histórico e tamén pola estrada de Castela a condición de que Fomento, neste último caso,  dese autorización para iso. Se non fose posible, a outra alternativa que se baralla é a zona do Carregal. Desta forma manteríase a distancia de seguridade entre postos cos vendedores e vendedoras e crearíanse corredores suficientemente anchos para que as persoas que vaian á feira poidan camiñar con seguridade.

A idea de reorganizar a feira desta forma levará aparellada tamén unha segmentación desta por produtos de venda e reunirá os de alimentación nunha zona determinada, os de téxtil noutra, calzado noutra ou outros produtos que sexan similares noutra.