O Concello abre Servizos Sociais con cita previa en horario de mañá e tarde e os prazos da escola infantil, comedor escolar e campamentos de verán

1582

Concello comezou o plan de reinicio da actividade nos distintos departamentos municipais. Tras abrir a biblioteca municipal, o arquivo e o Museo, agora, o seguinte será Servizos Sociais, coincidindo, ademais, ca apertura dos prazos legais de varias prestacións municipais que dependen desta área.

A alcaldesa, María Barral, explicou que este departamento, pola situación xerada pola Covid-19 e a afectación social que está a ter,  ampliará os horarios de atendemento ao público “para cubrir a demanda que está a xerar esta crise e atender as consultas que quedaran pendentes”. Ao mesmo tempo, reanudaranse ou abriranse, en función do servizo, os prazos de solicitude para comedor escolar, os campamentos de verán e a escola infantil municipal e priorizarase en todos os casos atención telemática.

O Concello estableceu un protocolo de funcionamento do servizo atendendo as distintas fases de desescalada e para volver a acadar a normalización da actividade, e garantir unha correcta atención á cidadanía con total seguridade e protección tanto para o persoal  como para as persoas atendidas.

A partir do día 1 incorporarase presencialmente todo o persoal pertencente ao equipo de servizos sociais comunitarios. A atención ao público realizarase en horario de mañá e tarde, polo que durante o mes de xuño o persoal traballará a quendas. Esta organización permitirá reducir os tempos de espera das persoas para ser atendidas e cumprir coas limitacións na capacidade. As citas solicitaranse unicamente por teléfono ou a través do correo electrónico habilitado para tal fin. A porta de acceso permanecerá pechada, e utilizarase o timbre para acceder ás dependencias e sempre con previa cita.

Por outra parte, o día 3 ábrese o prazo para o servizo de comedor escolar para o vindeiro curso escolar e os campamentos urbanos. As solicitudes realizaranse obrigatoriamente de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello. Para o caso dos campamentos, aínda que serán municipais, seguiranse as especificacións que marque a Xunta en materia de organización, canto, entre outras cousas, ao número de nenos e nenas por grupos.

Tamén se reiniciará o prazo para solicitar praza na escola municipal infantil, que quedou paralizado como consecuencia do estado de alarma.