O Concello realiza o apuntalamento do muro de Arxentina no Pasatempo de forma urxente como paso previo á súa restauración

511

O Concello realiza con carácter urxente os traballos de apuntalamento do muro de Arxentina. Os traballos contan co visto e prace de Patrimonio e forman parte das actuacións de urxencia que vai facer o Concello tanto no mesmo parque coma en zonas exteriores como a fonte da Primavera, no Carregal. Estas actuacións únense ás que se inclúen nas obras que se licitarán en breve centradas no Estanque do Retiro

 

Canto ás do muro de Arxentina proxéctanse xa que dende hai tempo se veñen observando algunhas anomalías nun tramo do muro. Estas anomalías consisten na presenza de humidade nun treito do muro de uns 5 m que se aprecia directamente pola cor máis escura deste tramo en comparación co resto do muro. Tamén se aprecian varias gretas, un certo abombamento e o descendemento dalgúns centímetros da cornixa do tramo. O tramo onde están estas anomalías ou evidencias coincide coa presenza de un dos túneles que pasan polo subsolo (a uns 3 m de profundidade) en dirección vertical ao muro, e que conducen abundante auga nas estacións de inverno e primavera. Tamén coincide cunha quenlla de recollida de augas superficiais colocada recentemente na terceira terraza.

A auga en movemento, presente superficialmente (quenlla), a todo o alto do muro (drenaxe natural), e próximo aos seus alicerces (túnel), pode ser a culpable destas anomalías detectadas no muro, que están afectando á súa capacidade de resistencia. Polo que se sabe este tipo de muros están construídos simplemente con terra e barro, e dispoñen duns pequenos ocos para deixar que drene a auga do terreo. Os síntomas e evidencias son a proba evidente de que algo non está funcionando ben nese tramo concreto do muro, e que, posiblemente, se veña agudizando despois de 100 anos dende a súa construción.

O que se propón como medida de urxencia é o apuntalamento do muro nunha lonxitude de 8 m cun sistema deseñado “ad hoc”, para que non afecte a elementos do parque, como pode ser o propio muro, o sebe de buxo que discorre paralelo ao muro a unha distancia de 2,50 m, e ao túnel que o atravesa perpendicularmente por debaixo a unha profundidade de 3 m aproximadamente.

A colocación deste apuntalamento é fundamentalmente de prevención, mais tamén é o primeiro paso para a reparación definitiva dese tramo do muro, fase previa á restauración da súa superficie de baixorrelevos policromados. Estanse preparando os proxectos para resolver varias obras de urxencias no parque do Pasatempo por solicitude do Concello de Betanzos, e que serán presentados a esa delegación de Patrimonio nun prazo breve. Unha desas obras será a reparación deste tramo do muro de Arxentina, para o que o apuntalamento agora colocado como prevención será fundamental para asegurar a estabilidade do muro durante a súa restauración.