Betanzos non contará con caseta propia en Fitur na edición deste 2021 que terá lugar durante o mes de maio, mais “si que estará presente na feira para manter reunións de traballo con representantes do sector turístico de face a tentar pechar acordos con varios operadores de turismo cos que houbo contacto durante estes meses para programas turísticos durante o segundo semestre do ano”.
Neste sentido, o Concello, único representante galego que conta con caseta propia na feira de turismo máis importante de España e unha de principais a nivel mundial, negociou coa organización de Fitur cambiar o contrato que tiña para este ano 2021 (a feira tería que celebrarse en xaneiro) para 2022, garantíndose así o espazo na cita do próximo ano, segundo explicou o edil de Turismo, Pablo Beade.
O Concello argumentou que a cita de Fitur é “sumamente importante para o turismo de Betanzos porque nela programa todo o exercicio cando se celebra nas datas habituais, é dicir, en xaneiro. Que teña lugar en maio resta impacto porque os programas dos operadores de turismo, en moitos casos, xa están pechados. Ese foi o motivo polo que negociamos coa organización para que nos permitisen manter o noso espazo en 2022, aínda rexeitando o deste ano xa que en ocasións penalizan estas decisións e é difícil logo poder recuperar ou ter preferencia á hora de dispor de caseta en seguintes edicións”, indicou Beade
A pesar da situación da pandemia, sabemos “que hai operadores de turismo que nun ano difícil aínda está a tentar pechar cousas para o segundo semestre e mesmo o verán, polo que manteremos algunhas reunións para tratar de captar algún deses programas”.
Pablo Beade destacou o interese que esperta Betanzos no sector e “froito dese interese hai empresas que se dirixen a Turismo e publicacións especializadas nas que o noso municipio é, por exemplo, referencia na provincia para potenciais visitantes. Isto fai que debamos continuar a nosa aposta polos programas de promoción da cidade a pesar das difíciles circunstancias nas que está o sector pola Covid. A nosa hostalaría, o noso comercio e a historia (centro histórico) seguen despertando interese”.