O Concello reinicia o servizo de transporte adaptado e abre o cemiterio e a biblioteca municipal

687

O Concello reiniciará a próxima semana o servizo de transporte adaptado. Desde o vindeiro luns, as persoas usuarias deste servizo poderán solicitar no 981 770 707 os desprazamentos como xa facían antes do estado de alarma. Para a posta en marcha deste o Concello tomará diversas medidas de seguridade, especialmente canto á capacidade. En cada desprazamento só poderán ir no mesmo vehículo tres persoas usuarias e deberán levar máscaras. No caso de que haxa usuarios ou usuarias que non dispoñan de material de protección, o Concello facilitarallo.

As viaxes de transporte adaptado comezarán o mércores. Por iso abrirase o luns o período de solicitude  de desprazamento desde os distintos domicilios ata o centro de saúde. O transporte adaptado tamén inclúe desprazamentos ata os centros de día mais aínda continúan sen actividade.

Biblioteca, cemiterio municipal

Por outra banda, o Concello realizou diferentes tarefas de desinfección de cara á apertura de servizos do próximo luns. Entre eles o cemiterio municipal no que ao longo do día de hoxe realizouse un importante labor de limpeza. Abrirá de 09:30 h a 20:00 h de maneira ininterrompida, de luns a domingo nesta fase desescalada, que logo se irá ampliando en sucesivas etapas.

Tamén se realizaron traballos na biblioteca municipal, onde se reduciu a capacidade ata o 30%. Abrirá en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 20:00 h, adaptarase a apertura ás condicións de seguridade recollidas hoxe no BOE. Neste caso, as coleccións de libre acceso permanecerán pechadas ao público, e  as obras deberán ser solicitadas polas persoas usuarias e proporcionadas directamente polo persoal da biblioteca; unha vez consultadas, depositaranse nun lugar apartado e separadas entre si. Entón permanecerán en corentena durante polo menos 14 días. Durante a fase 1, ademais, as bibliotecas non poderán levar a cabo actividades culturais, actividades de estudo en sala ou de préstamo interbibliotecario.

Outra das instalacións nas que se realizan traballos de desinfección e limpeza é o colexio Vales Villamarín xa que o luns comeza a actividade administrativa no centro escolar.