O goberno local proxecta a renovación integral das rúas Doutor Fariña e José Míguez

329
Rua José Fariña

O goberno local presentou o proxecto de mellora das rúas Doutor Fariña e profesor José Míguez, que o Concello incluíu no seu programa de reforma de viarios. O obxectivo é mellorar as condicións actuais de ambas as rúas e liquidar os problemas de filtracións de auga que hai en locais comerciais e garaxes de edificios. Coa actuación que se pretende levar a cabo nesta zona, dáselle continuidade ás actuacións que se veñen realizando de forma paulatina en distintas rúas do centro urbano coa intención de mellorar os servizos existentes, liquidar os problemas que presentan e, sen dúbida, mellorar as condicións dos pavimentos, dando homoxeneidade aos acabados, outorgando unha imaxe de continuidade e coherencia progresiva nas distintas zonas do centro urbano.

O proxecto acaba de ser incluído na relación de actuacións a incluír no Plan complementario da no que se prevén investimentos financieramente sustentables. As obras suporán un desembolso máis de 409 000 euros.

O proxecto, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, proxecta a rehabilitación integral da rúa, beirarrúas e calzada, así como substitución dos servizos de saneamento e iluminación. Nas beirarrúas ampliarase lixeiramente a súa anchura e mellorará o seu trazado na medida do posible, e proxectaranse, ademais, ensanches para os pasos de peóns, actuando en pavimentos, ampliando a rede de abastecemento de auga existente coa finalidade de conectala á rede que discorre pola avenida Jesús García Naveira e renovando a instalación da iluminación pública.

As beirarrúas realizaranse con bordo de granito e baldosas con acabado totalmente antiescorregadizo fabricado con áridos de primeira calidade. Con relación á calzada, o proxecto recolle un ancho de dez metros con carrís de circulación de tres, e zona de aparcadoiro de dous en cada sentido.

A maiores, sinalizaranse pasos de peóns e renovaranse  as redes de recollida de augas residuais e pluviais que discorren polo centro da calzada.

Proxéctase tamén a substitución de pintados, sinalización e equipamento urbano existente de maneira homoxénea ás actuacións levadas a cabo polo Concello nas rúas próximas. Substituiranse todas as tapas das instalacións existentes que sexa necesario. A pavimentación da calzada realizarase por tramos, realizándose primeiro unha metade da rúa e logo a outra para afectar o menos posible ao paso dos veciños. Reporase a sinalización viaria completa, incluíndo as zonas de aparcadoiro, os pasos de peóns, liñas de vaos, detención e unha nova sinalización vertical mediante a colocación de sinais reflectores con placa e poste ancorados ao pavimento.

Canto a mobiliario, o Concello instalará papeleiras de aceiro e bolardos nos laterais da beirarrúa anexos aos pasos de peóns co obxectivo de evitar a invasión destes por parte dos vehículos. No caso dos garaxes ou vaos existentes disporanse bolardos de tipo flexible, con colocación en triángulo para optimizar a entrada/saída de vehículos. Para humanizar a rúa plantarase arboledo en ambas as marxes da rúa, optando debido ás dimensións das beirarrúas e beirís existentes, a un tipo de arbusto perenne cultivado como pequena árbore de 3,00 m de altura, que se caracteriza por ser unha planta moi resistente, decorativa e con gran poder de adaptación, ten un crecemento vertical, pero adoita manterse en formas redondeadas.

A proposta aprobada prevé tamén a substitución das actuais varandas pintadas en cor verde que hai nas escaleiras situadas no entroncamento das rúas Doutor José Fariña e Profesor José Antonio Míguez por unhas de aceiro inoxidable similares ás existentes no resto da rúa.