Segunda edición do Obradoiro de apoderamento lingüístico e ferramentas para a activación de falantes no IES As Mariñas

293

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza unha nova edición do o Obradoiro de apoderamento lingüístico e ferramentas para a activación de falantes en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do IES As Mariñas.



Este Obradoiro de apoderamento Lingüístico dirixido ao alumnado de secundaria correrá por conta de Rexenerando SCG e procura xerar un espazo de aprendizaxe e diálogo profundo arredor da cuestión lingüística, así como incorporar metodoloxías de innovación social onde os e as participantes reflexionen sobre a súa relación co galego, identifiquen aquelas habilidades, recursos ou ferramentas que poderían apoiar o seu uso, e se lancen a dar pasos e falalo.

Esta proposta de dinamización lingüística que comeza o vindeiro 17 de febreiro terá lugar durante catro meses e pretende incidir na importancia da comprensión do contexto lingüístico actual e na reflexión sobre a relación persoal e familiar co galego, identificar as necesidades para a activación lingüística e apoiar aos e ás participantes para adquirir habilidades comunicativas no rexistro formal e informal.

A programación completarase no vindeiro mes de maio e dentro da programación do Día das Letras Galegas con máis obradoiros de apoderamento lingüístico nos restantes centros de ensino de secundaria en diferentes formatos axeitados e definidos polos diferentes contextos sociolingüísticos de cada centro educativo.16