O goberno local inclúe a Cruz Verde e Xudeus no programa municipal de renovación de rúas.

397
Rúa Cruz Verde

O Concello incluíu no seu plan de obras e mellora de rúas dous novos proxectos: a Cruz Verde e a rúa Xudeus. O proxecto executarase no Plan Único da Deputación, con achega do ente provincial e o propio Concello cun orzamento de 271 532 euros. Trátase, segundo explicou hoxe a alcaldesa, María Barral, dun proxecto que recolle a renovación das actuais canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga e a renovación de pavimentos que presentan un deficiente estado de conservación así como a execución dos pasos de peóns.

Mediante estas obras, do mesmo xeito que se fixo noutras zonas da cidade, renovaranse os pavimentos e  as beirarrúas existentes, e daqueles tramos da rúa que non contan coas mesmas, e que presentan heteroxeneidade nos seus acabados, froito das distintas épocas de trazado. Colocarase un pavimento uniforme seguindo as solucións propostas noutras zonas de modo que se aumente a calidade estética e funcional tomando como exemplo acabados que tiveron solucións satisfactorias tanto en ámbitos do centro histórico (rúa da Cañota) como en rúas como a rúa Venezuela ou na rúa do Rollo. O obxectivo é que de forma progresiva se homoxeinicen os acabados e outorguen unha imaxe de continuidade e coherencia progresiva a esta zona do centro urbano.

O ámbito de actuación comprende o tramo da rúa Xudeus, cuxa execución, dada a súa significación histórica, pretende dignificar mediante o emprego de pavimentación pétrea que se continuará ao longo da rúa Cruz Verde nunha das súas marxes ata a confluencia coas escaleiras de baixada da avenida de Castela. Os pavimentos de formigón ao longo da rúa Cruz Verde serán reformulados na súa totalidade ata a chegada ás escaleiras de baixada cara á Rúa dos Ánxeles.

Rúa Xudeus

Aproveitando a execución das novas beirarrúas proxéctase a retirada dos tramos de rede de abastecemento de augas de fibrocemento que aínda se manteñen, e substituílos por outros  ademais de novas acometidas a cada unha das edificacións.

Detectouse a existencia dunha canalización de auga de fibrocemento independente do abastecemento e que ten por obxecto a alimentación da fonte de Diana cazadora na praza dos Irmáns García Naveira. Este trazado, como no caso do tramo da de fundición será substituído no ámbito de traballo por unha nova de polietileno.

Exponse, ademais, a reposición do firme de rodaxe ao completo incluíndo o sistema de recollida de augas pluviais. Contempláronse a renovación das beirarrúas e pasos de peóns da rúa, ademais de proceder á ordenación do tráfico e dos espazos de estacionamento, dada a estreitura en moitos dos tramos da rúa.