Os propietarios de embarcacións que participen nas xiras a Os Caneiros e en Caneiros en Familia deberán presentar unha serie de documentación ante Patrimonio Natural

14

Os propietarios de embarcacións que desexen participar en Caneiros en Familia ou nas dúas xiras a Os Caneiros, os días 18 e 25, deberán achegar a Patrimonio Natural da Xunta de Galicia unha serie de documentación que inclúa os datos do titular da embarcación, o seu DNI e a matrícula da lancha. Esta información deberá entregarse no Rexistro do Concello, que será o encargado de recompilar os datos e remitilos a Patrimonio Natural.

Este trámite deberán realizalo unicamente os propietarios de embarcacións que non presentasen a documentación o pasado ano, é dicir, as novas altas de embarcacións, así como aqueles que desen de baixa a súa embarcación. Pola contra, os propietarios que xa presentasen a documentación o pasado ano non terán que volver facelo, xa que será o Concello o que a remita directamente a Patrimonio Natural.

Así o comunicou o Concello despois de recibir onte, xoves, a solicitude da Xunta coa relación de embarcacións e os seus correspondentes datos, co fin de autorizar a súa navegación polo río Mandeo ata Os Caneiros, tanto durante Caneiros en Familia como nas dúas xiras das festas, ao tratarse dunha zona incluída nos espazos da Rede Natura.