O Concello de Betanzos felicita ao padexeiro Antón Lagares polo excelente resultado acadado no Campionato de Europa júnior de piragüismo, celebrado esta fin de semana en Szeged (Hungría), onde conquistou a medalla de bronce na proba de C1 200 metros.
Este novo éxito internacional confirma a progresión dun dos deportistas con maior proxección do piragüismo galego e español, levando unha vez máis o nome de Betanzos ao máis alto nivel da competición europea.
O logro chega, ademais, nun momento especialmente significativo para Antón Lagares, que será distinguido proximamente co Premio Garelos do Deporte, un recoñecemento co que o Concello pon en valor a súa traxectoria, o seu esforzo e os éxitos deportivos que vén acumulando nos últimos anos.
Desde o Concello quérese trasladar a Antón Lagares os parabéns por este novo triunfo, así como o desexo de que continúe colleitando éxitos nas próximas competicións, converténdose nun referente para as novas xeracións de deportistas betanceiros.












