Betanzos homenaxea a Lar de Unta, Chimi Churri, e Anton Lagares cos premios Garelo 2026 con mención especial para Xóvenes do Pobo no seu 50 aniversario.

13

A Comisión de Nomenclátor, Distincións e Honras do Concello aprobou por unanimidade a concesión dos Premios Garelos 2026, os máximos galardóns honoríficos que outorga cada dous anos para distinguir a persoas, entidades e colectivos que, pola súa traxectoria, dedicación e contribución ao desenvolvemento da cidade, constitúen un exemplo para toda a sociedade betanceira. A proposta será trasladada agora ao vindeiro Pleno.

A alcaldesa, María Barral, explicou  que a comisión acordou conceder o Premio Garelo de Comercio e Industria á Parrillada Chimi Churri; o Premio Garelo de Educación e Cultura á Asociación Cultural Lar de Unta; o Premio Garelo do Deporte ao piragüista Antón Lagares Montes; e o Garelo Especial á Asociación Cultural de Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo, coincidindo coa celebración do seu cincuenta aniversario.

A alcaldesa destacou que os Premios Garelos representan “o maior recoñecemento institucional que concede o Concello” e salientou que os galardoados desta edición “simbolizan o esforzo, o compromiso e o orgullo de pertenza a Betanzos, contribuíndo desde ámbitos moi diferentes a engrandecer o nome da cidade e a preservar o seu patrimonio económico, social, deportivo e cultural”.

O Premio Garelo de Comercio e Industria recaerá na Parrillada Chimi Churri, un establecemento que forma parte da historia da hostalaría de Betanzos e que, desde hai máis de cinco décadas, constitúe un referente gastronómico para varias xeracións de betanceiros e visitantes.

Fundada en 1969 por Luís Carro Fraga e a súa muller, Isabel, coa apertura do Rancho Chimi Churri, a empresa familiar foi pioneira na introdución dun novo concepto de carnes á brasa que acabaría converténdose nun referente da gastronomía popular galega. Co paso dos anos evolucionou ata a actual Parrillada Chimi Churri, mantendo sempre a súa esencia, a aposta pola calidade e un trato próximo aos clientes.

Tras o falecemento do seu fundador, o negocio continúa da man da súa filla Mary, garantindo a continuidade dun proxecto familiar que representa unha das historias de éxito empresarial máis recoñecidas da cidade.

A Comisión quixo recoñecer a súa ampla traxectoria profesional, a súa capacidade para adaptarse ao paso do tempo sen perder a súa identidade e a contribución realizada ao desenvolvemento económico e á proxección gastronómica de Betanzos.

O Premio Garelo de Educación e Cultura recaerá na Asociación Cultural Lar de Unta, entidade que desde a súa creación, no ano 1999, desenvolve un intenso labor de dinamización cultural e social desde unha visión aberta, participativa e comprometida coa cidadanía.

Ao longo destes anos, Lar de Unta converteuse nun referente do asociacionismo cultural de Betanzos, promovendo actividades destinadas á difusión da cultura galega, da lingua, das tradicións populares e do patrimonio, ao tempo que impulsa iniciativas vinculadas á defensa do medio ambiente, á igualdade e á participación cidadá, desenvolvendo unha intensa programación de actividades que contribúen a dinamizar a vida cultural da cidade.

Coa concesión deste Garelo, o Concello quere recoñecer un cuarto de século de traballo constante en favor da cultura, da identidade galega e do movemento asociativo.

O Premio Garelo do Deporte distinguirá ao piragüista Antón Lagares Montes, unha das grandes promesas do deporte español e un dos nomes propios do piragüismo galego.

Durante este 2026, Antón Lagares asinou a mellor tempada da súa carreira deportiva ao conquistar a medalla de bronce na modalidade C1 200 metros júnior e plata en C4-500 metros no Campionato do Mundo de Piragüismo Sprint,  completando  un extraordinario campionato que o consolidou entre os mellores especialistas da súa categoría.

Estes resultados internacionais supoñen un fito para o deporte local e representan un orgullo para Betanzos, que continúa sumando deportistas capaces de competir ao máis alto nivel mundial.

O Garelo Especial 2026 distinguirá á Asociación Cultural de Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo, coincidindo coa celebración do 50 aniversario da súa fundación.

Durante medio século, a entidade converteuse nunha das grandes referencias do movemento cultural e tradicional de Betanzos, desenvolvendo un labor imprescindible para conservar e transmitir unha das manifestacións patrimoniais máis singulares da cidade: as danzas gremiais.

Baixo o impulso de persoas como Ton Pena, auténtica alma da asociación desde os seus inicios, Xóvenes do Pobo conseguiu manter vivas as danzas dos Mariñeiros e dos Labregos, contribuíndo decisivamente á conservación dun patrimonio cultural único que forma parte da identidade das festas patronais de San Roque.

Ao longo destes cincuenta anos, a entidade soubo garantir o relevo xeracional coa incorporación de nenos e nenas ás súas escolas de baile, abrindo ademais a participación das mulleres e facendo posible que novas xeracións continúen unha tradición que pasa de pais a fillos e que xa alcanza varias xeracións de familias betanceiras.

Hoxe, Xóvenes do Pobo é un símbolo idas danzas gremiais e mesmo dun dos momentos máis emblemáticos de Betanzos, como é a elevación do Globo, converténdose nun dos principais embaixadores da cultura tradicional da cidade.

Con este Garelo Especial, o Concello quere render homenaxe non só aos seus cincuenta anos de historia, senón tamén ás centos de persoas que, de maneira altruísta, contribuíron durante estas cinco décadas a preservar unha parte esencial do patrimonio inmaterial betanceiro

Os Premios Garelos serán entregados nun acto institucional o vindeiro día 14 de agosto que reunirá aos galardoados, ás súas familias, representantes da Corporación municipal e do tecido económico, cultural, deportivo e social da cidade, nunha celebración coa que Betanzos volverá render homenaxe a persoas e entidades que constitúen un exemplo de dedicación, esforzo e compromiso coa cidade.