O turismo, o deporte e as actividades culturais ocupan parte das peticións realizadas polo alumnado de Primaria no pleno infantil 2023. Galería de imaxes

354

Betanzos celebrou o pasado 14 de decembro, o seu pleno Infantil, unha actividade organizada pola Concellería de Educación e os colexios Vales Villamarín e CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” para conmemorar o Día da Constitución.

Participaron 17 alumnos e alumnas, de sexto curso de educación primaria, tantos como concelleiros e concelleiras compoñen a corporación Local betanceira. Catro eran do colexio de Atocha, e outros 13 do colexio Vales Villamarín. Ademais da alcaldesa, Sofía Maceira Queijeiro, do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, o resto da corporación infantil estaba formada por Nicolás Romay Morais, Daniella Losada Otero, Elisa Fernández Pérez, tamén do colexio Atocha e  María Boado Vidal, Martiño Capón Ferreiro, Julia Fernández Carro, Tomás Fernández Fernández, Bruno Thomas Irañeta Pastorin, Máximo Lendoiro Fernández, Olivia Mosquera García, Claudia Martínez Méndez, Aloia Pena Vázquez, Adriana Porto García, Nico Rei Otín, Aroa Seoane Sánchez e Sira Taboada Fernández do colexio Vales Villamarín.

A maiores, participaron outro seis alumnos e alumnas que traduciron as mocións ao inglés e unha intérprete de lingua de signos.

A alcaldesa, María Barral Varela, recibiu ao alumnado participante no Salón de Plenos para logo celebrar na Aula de Cultura o pleno infantil. Na súa mensaxe, a alumna do Vales Villamarín pediulle á nova corporación buscar puntos de confluencia e consenso nas iniciativas para mellorar a calidade de vida dos betanceiros e betanceiras para logo solicitar respecto, orde e capacidade de diálogo co fin de ter unha sesión plenaria gratificante e enriquecedora. Todas as mocións presentadas pola nova corporación foron aprobadas por unanimidade e agora serán trasladadas, segundo a alcaldesa, María Barral, ao resto da corporación local.

Entre as mocións presentadas polo alumnado aprobáronse:

  • Fomento do galego, con actividades na biblioteca municipal para fomentar o galego entre os máis novos e novas a través de cursos ou iniciativas que promovan o seu uso.
  • Biblioteca municipal, fomentar o seu uso con contacontos infantís, obras de teatro e obradoiros educativos.
  • Potenciar o centro histórico cara ao turismo, con paneis informativos, actividades lúdicas, funcións teatralizadas sobre a historia de Betanzos e zonas de carril bici, entre outras actuacións.
  • Creación dun espazo parkour infantil, para practicar esta modalidade con seguridade.
  • Adaptación dun local para actividades de lecer e cultura, un lugar de encontro que permita realizar actividades (obraodoiros, xogos…).
  • Mellora de parques infantís, tras destacar as melloras no Pasatempo, propúxose unha serie de melloras en Alfonso IX, o Carregal, A Condesa, e A Galera. Tamén que se cubra unha zona no parque Pablo Iglesias.
  • Cinema Alfonsetti, máis actividades ao longo do ano e creación dunha compañía de teatro municipal. Ademais propuxeron organizar competicións infantís nas festas de San Roque.
  • Feira Medieval, incentivos para que os betanceiros e as betanceiras se vistan de época medieval durante a feira e obradoiros culturais de carácter medieval para que os nenos e as nenas coñezan a historia de Betanzos.
  • Seguridade viaria, ademais de agradecerlle ao Concello as melloras na avenida de Castela co camiño seguro ao colexio, pediuse algún paso de peóns.

A primeira edil destacou “a importancia deste tipo de actividades para que os nenos e nenas coñezan o funcionamento dunha Administración tan próxima como o Concello”. Explicou que as propostas realizadas “son altamente positivas” e en moitas delas reflíctese o grao de “preocupación e concienciación”. Deulle os parabéns non só aos 17 concelleiros e concelleiras senón ao resto de compañeiros e compañeiras que tamén estiveron presentes en Aula de Cultura seguindo o pleno, así como ao seu profesorado, polas iniciativas e o traballo realizado na elaboración destas. “A corporación local ten moito que aprender da corporación infantil por todas estas iniciativas en positivo para Betanzos, nas que algunhas coinciden con traballos municipais e outras teremos en conta na medida das nosas posibilidades”.