Betanzos adxudica a terceira fase de mellora da iluminación pública que inclúe a substitución de máis de 650 luminarias

292
A Condomiña

Betanzos seguirá o seu programa de mellora eficiente da iluminación pública cunha nova fase de substitución de luminarias nas que se investirá 556.345 euros, do que o 80% será achegado pola Unión Europea. O proxecto acaba de ser adxudicado e supón a substitución nas zonas de As Abelares, As Angustias, Illobre, Vista Alegre, O Castro, A Magdalena, A Rúa, Touriñao, Braxe, A Xerpe, O Barral, Betanzos O Vello, A Lanza, Caraña, A Veiga, A Condomiña e a Travesía de Caraña.

Os traballos consistirán na renovación de 663 luminarias, por led; once cadros de mando e a substitución da totalidade do cableado existente. Con estas medidas conseguirase unha redución do consumo de enerxía na rede de iluminación pública dun 62%. Este aforro, pola rebaixa de potencia, non afectará, con todo, ao fluxo luminoso que será similar ou, mesmo, superior ao actual.

Estas actuacións complementan as dúas fases anteriores nas que se substituíron un total de 1695 luminarias.

Travesía de Caraña

Entre as zonas nas que levaron a cabo os traballos atópase o centro histórico, das parroquias de Piadela e Requián, concretamente nos lugares de Viúxe, Montellos, Requián, Xanrozo, Casa Grande, A Graña, As Casas Novas, Infesta, O Farragoto, O Coto, Camiño da Estación, Saavedra Meneses, A Peada, As Cascas e A Condesa.

Ademais executouse a substitución en Viladesuso, Piadela, Guiliade, así como parques e outras rúas da zona urbana como o parque Pablo Iglesias, paseo Ramón Beade, rúa Valdoncel, A Cañota, avenida Juan García Naveira, Bartolomé Cosío, Cruz Verde, Irmandades da Fala e poeta Manuel María, en rúas do núcleo urbano; principais vías de saída do núcleo urbano en dirección a Ferrol, As Angustias e Infesta; e estradas en dirección a Oza, Paderne e Sada. A actuación consistiu neste caso na substitución de 662 luminarias convencionais por outras de tecnoloxía led, que se traduciu nunha redución anual do consumo de enerxía do 76% do consumo dese conxunto de luminarias.