“Vai de rúa”, o programa cultural que leva ás rúas de Betanzos teatro, música, maxia obradoiros con once compañías e outras tantas actuacións

270
Cé orquestra pantasma espectaculo da edición do Vai de Rúa 2020

Once compañías e outras tantas actuacións durante tres días polas rúas de Betanzos.  Así será a sexta edición do “Vai de Rúa” que se prolongará dende mañá ata o domingo. Serán tres días ateigados de actividades culturais que ofrecen unha alternativa durante unha fin de semana que so Betanzos pode ofrecer, con música, teatro, maxia, obradoiros culturais… Se Betanzos é un referente ao longo do ano polas continuas actividades que organiza, “buscabamos que tamén o sexa durante este mes de xullo, entre a feira medieval e as festas, cunha programación de actividades atraentes para todas as idades  tanto para os betanceiros e betanceiras como para a veciñanza de toda a comarca”.

Para descargar o programa completo prema aquí

Sábado día 31

Música de Contos Marián Ledesma ás 13:00 h no  adro da igrexa de Santa María

Preguntácheste algunha vez por que Dorothy só tiña que chocar os seus zapatos para volver a casa? Ou por que o lobo sempre está anoxado e famento en todos os contos? Pode un ogro namorar dunha bruxa? As respostas a estas preguntas daranse en forma de canción. Marian Ledesma tráenos historias máxicas e descoñecidas a través de cancións que agochan segredos e redescubriremos xuntos e xuntas aqueles clásicos para todos os públicos.

Cirkote Kote Malabar ás 19:00 h na praza dos Irmáns García Naveira

Kote Malabar leva arredor de 20 anos facendo rir e desfrutar a todo tipo de públicos en infinidade de actuacións por festas, feiras, festivais e demais actos lúdicos e de entretemento. No espectáculo combina técnicas de circo, clown e teatro cómico e de participación, nunha relación directa actor-público, que pasará a formar parte activa e indispensable dun espectáculo no que che pode acontecer de todo, incluso que ti acabes sendo a estrela da función!

Canela Laboratorio Escénico Danza ás 20:00 h na praza dos Irmáns García Naveira

Canela é o resultado dun proceso de creación que comezou cunha convocatoria na procura de artistas de danza urbana, co obxectivo da creación dunha peza profesional de danza urbana/experimental. Dirixida a todo tipo de público, pretende conectar coas persoas asistentes á súa representación desde a frescura e a plasticidade da danza urbana, mais dende un proceso creativo/conceptual máis contemporáneo. Nun proceso de creación dende o que se tratou de integrar as habilidades físicas de cada unha das persoas integrantes, trátase as propiedades da canela dende o corpo: presenza no padal, aroma, proceso de extracción, etc. Todo iso lévanos aos sentidos e ás terras de Sri Lanka, de onde procede a especia. A danza urbana, sempre presente, lémbranos a frescura da xuventude e a intensa musicalidade e virtuosismo físico e coreográfico. Intérpretes: Jaimi Neves, Samuel Galán, Noelia López, Sara Tréllez, Diana Monserrat, Irene Varela, Myriam González, Lucía Vázquez. Dirección: Alba Fernández. Asesoramento coreográfico: Sabela Domínguez. Mestura e produción musical: Jas Processor

Amparo Compañía Entremáns ás 20:30 h na praza dos Irmáns García Naveira

Esta peza está inspirada na protagonista da novela La Tribuna da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán. Arquetipo da liberdade, muller de berro en peito que como moitas outras non tiveron medo a alzar a voz e a conservar a súa estirpe en defensa dos seus ideais e dereitos. En cada célula da muller contemporánea vive Amparo. Mulleres que desfollan a vida e apertando as horas coas súas mans, encoméndanse ao tempo. Creación, dirección e interpretación: Ana Beatriz Pérez. Música: Xosé Lois Romero e outros. Vestiario: Cía Entremáns. Asistencia coreográfica: Armando Martén.

Cuacac! Compañía N+1 ás 21:00 h praza da Constitución

Ser diferente aos demais non debe ser motivo de vergoña, o importante é como xestionar esas diferenzas para afrontar o futuro. Parrulo, torpe e caótico, presenta mediante as técnicas del slapstik (golpes, caídas, acrobacia excéntrica…) a manipulación de obxectos e a acrobacia aérea, un personaxe con grandes dificultades para facer o que se espera del. No desenvolvemento da peza, inspirada no conto de Ándersen, navegará xunto co público por un mar de emocións soltando amarras onde as súas debilidades transfórmanse nas súas fortalezas. Idea e creación: N+1 / Alfonso Medina. Intérprete: Alfredo Pérez Muíño. Dirección: Carlos Sante. Coreografía: Bárbara Monteagudo. Vestiario: Carmen Pichel. Espazo sonoro: N+1. Deseño gráfico: Fulano. Produción: N+1

Domingo 1

Ramona Órbita, a dona do tempo, grupo Pakolas ás 13:00 h no adro da igrexa de Santa María

Pakolas preséntanos o seu último librodisco, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Agosto-2020). Neste novo traballo contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. A través das cancións e a narración, imos saltando a diferentes épocas. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume, visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento, acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés que lle cheiran os pés, ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time, etc, todo ata chegar a Benvidas ao Futuro na que cantamos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura. Pakolas combinará a narración, a interpretación e caracterización de moitas personaxes, e a música; e tamén animará aos nenos e nenas e a todo o público a participar coas mans, cos ritmos do corpo e coa voz (retrousos, sons, etc). Así, podemos compartir entre todos e todas a música e as historias cantadas e contadas dun xeito divertido de aprender e de gozar e un espectáculo para compartir cos máis peques e coa familia. Pakolas incluirá nesta montaxe algún dos seus éxitos anteriores máis aclamados polos públicos. Dirección e música: Paco Cerdeira (Pakolas).

Punkdemia Peter Punk ás 19:00 h na praza dos Irmáns García Naveira

Neste espectáculo viral Peter Punk está de volta para convértese no Doutor Punkdemia. Presenta un espectáculo no que, a través de 4 fases, mostrará a súa particular visión da pandemia. Espectáculo adaptado da nova normalidade, veremos como se viste un paiaso para protexerse da pandemia, malabares con coronavirus e asistiremos a unha técnica novidosa para expulsar o virus do noso corpo empregando globos de maneira sorprendente. Contaremos coa axuda de Tranquilo, un vello amigo de Peter Punk sempre disposto a colaborar. E para finalizar, daremos a volta á curva para descubrir a Vacina da Risa. E subiremos na Corentrona, unha cadeira de rodas na que Peter Punk mostrará as súas habilidades e baixará a rampla da desescalada para bater co muro dos recortes. Conseguirá derrubalo?

Labirinto de ilusións Mago Román ás 20:00 h na praza dos Irmáns García Naveira

Labirinto de ilusións é un espectáculo de maxia que te atrapa de principio a fin. Neste labirinto, a maxia está acompañada de disparatadas e cómicas historias nas que participa permanentemente o público. Máquinas do tempo, detectores de mentiras ou mapaches amestrados son só algún dos elementos que acompañarán a este mago nas súas tolas aventuras. O que é seguro e que cando todo remate ninguén quererá saír deste labirinto de ilusións, etc. En definitiva, un espectáculo no que os espectadores poderán gozar dunha maxia moi visual e sorprendente, con moita participación e comedia de situación.

Ikigai Compañía SU.MA. ás 21:00 h na praza da Constitución

A vida non é sempre como a planificamos. Unha visita inesperada irrompe na tranquila vida de Molki. Ante a perplexidade inicial, comeza unha delicada xornada chea de retos, conflitos, descubrimentos e superación. Una mirada optimista e evocadora da alegría de vivir, onde calquera “catástrofe” pode converterse na chave para chegar máis profundo ao corazón. Un espectáculo sobre a superación persoal e o sentido da vida. Teatro físico, acrobacia aérea e bel canto en clave de clown. Creación: Cía. SU.MA (Sue Moreno e María Move). Dirección escénica e xestual: Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante). Dirección artística, musical e coreográfica: Sue Moreno e María Move. Interpretación: Sue Moreno e María Move. Música orixinal: María Move e Raúl Grillo. Fotografía e vídeo: Andrés Nadal. Vestiario e atrezzo: SU.MA , Mark Torrecillas e Rosana “Fenosita” (saia paraugas)