O goberno local adxudicará durante o mes de agosto as obras da primeira fase do Pasatempo mentres se inician os traballos de redacción do Plan director

327

A alcaldesa, María Barral, anunciou que a mediados de agosto estarán adxudicadas as obras de restauración do estanque do Retiro do parque do Pasatempo, as primeiras actuacións que levarán a cabo dentro do programa de recuperación do recinto. Así llo explicou a primeira edil á directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua, durante o encontro que ambas as dúas mantiveron en Betanzos xunto co delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, para coñecer os traballos que se realizarán a través do Plan director do Pasatempo que presentou a empresa adxudicataria.

A primeira edil agradeceulle á Xunta a colaboración co Concello e a contratación deste traballo técnico “que marcará os pasos que se darán, entre os que van estar incluídas as actuacións que o Concello xa ten previstas polo seu carácter de urxencia, como son, nunha primeira fase, a mellora do estanque do Retiro, que terá un custo de 524.929 euros; e nunha segunda fase, o estanque da Gruta que inclúe a propia gruta, ademais da fonte das Catro Estacións.

A alcaldesa pediulle que o equipo redactor do Plan director axilice os traballos, que teñen unha duración inicial de 15 meses, para contar “canto antes cunha diagnose clara das actuacións que é necesario acometer, á marxe das xa previstas”. Trasladoulle a súa total disposición á directora xeral para que “o persoal técnico municipal e o equipo encargado polo Concello para levar a cabo os traballos urxentes colaboren na elaboración do Plan director”.

Con este Plan, indicou Barral, “dáse un paso importante no obxectivo que ten este goberno local de recuperar o parque, un espazo BIC único non só na provincia senón en Galicia e en España, que merece o recoñecemento de todas as administracións”.

A alcaldesa volveu facer especial fincapé na necesidade de que a Xunta tamén busque unha participación “non só no Plan director senón en impulsar traballos e, por tanto, no financiamento das obras, xa que é imposible que o Concello ou a Deputación asuman o custo destas como ata o de agora fixemos”.

A idea do goberno local é traballar tamén para que neste proxecto se impliquen outras administracións como o Goberno de España e “nese camiño “tamén estamos a traballar para tratar de encaixar a recuperación do Pasatempo”.