Betanzos pon en marcha un plan especial de limpeza viaria en todo o centro urbano

1014
N-VI na Praza García Irmáns

O Concello puxo en marcha un plan especial de limpeza viaria que incluirá actuacións en todos os barrios da cidade. A programación de traballos iniciouse na praza García Naveira e no Cantón Claudino Pita para continuar hoxe na avenida Jesús García Naveira. O plan de traballos incluirá, nunha primeira fase, as prazas da cidade para continuar, posteriormente, coas rúas.

Os traballos, que se executan a través dos servizos municipais, realizaranse durante o día, aínda que, en ocasións, efectuaranse de madrugada tendo en conta as características da rúa.

Este programa, segundo explicou hoxe o goberno local, completarase coa mellora de sinalización en diversas zonas. Entre elas, a do Carregal, na que o Concello colocará, por primeira vez, sinais de tráfico fabricadas con material reciclado. Trátase de sinais verticais que reforzarán a seguridade na avenida do Carregal, onde se acaban de construír pasos de peóns elevados (lombos de asno) ademais de completar o “camiño seguro” dirixido ao alumnado do colexio Vales Villamarín.

Obras

Por outra banda, o concelleiro de Obras, Diego Fernández, visitou esta mañá a zona na que levan a cabo os traballos de mellora de urbanización das rúas Tomás Dapena, Alcalde Beccaría e avenida de Castela incluídos nun plan provincial e nos que se invisten máis de 150 000 euros. O edil instou á empresa adxudicataria a “tentar acurtar os prazos” co fin de causar.

Con estas obras proxéctase a rehabilitación integral das beirarrúas, sen producir modificacións na súa anchura, agás nos ensanches proxectados para os pasos de peóns, actuando en pavimentos, renovación do trazado da rede municipal de abastecemento de auga, saneamento en tramos localizados e substitución de pintados, sinalización e equipamento urbano. Aproveitando a execución das novas beirarrúas proxectouse a retirada da rede de abastecemento, de fibrocemento, de auga potable e substituíla por outra de novo trazado de polietileno sobre a que se realizarán novas acometidas a cada unha das edificacións.