O Concello destina este ano 4,8 millóns de euros, case dous millóns máis que en 2023 (67% máis), ao capítulo de investimentos deste ano dos orzamentos que acaban de entrar en vigor e que alcanzan os 16,1 millóns de euros, un 36,5% de incremento en relación ao pasado exercicio. Esta forte subida de investimento débese ás obras dos distintos plans da Deputación en colaboración co Concello e das achegas dos fondos europeos que se executarán ao longo do ano.
Entre os investimentos que están previstas, a alcaldesa, María Barral, destacou os 1,1 millóns de euros para completar unha nova fase da iluminación con led en todo o Concello ou os 1,6 millóns de euros previstos para o Mercado Municipal.
Xunto con iso dedicaranse máis de 65 000 euros á avenida García Naveira, outros 190 000 euros para a praza de Dona Águeda, 100 000 euros para actuacións en materia de seguridade viaria no núcleo urbano e outros 146 000 euros para viarios municipais situados na zona rural.
Na relación de actuacións tamén se prevé a reforma da rúa Alcalde López Datorre cun investimento de 157 000 euros, ou a creación dos hortos urbanos, a mellora da praza Enrique Rego e a creación dunha área de lecer na Condesa cun desembolso de 220 000 euros. A cuberta do parque infantil de pintor Seijo Rubio ou a creación do parque de Viúxe cun investimento de 280 000 euros son outras das obras incluídas no orzamento deste ano xunto coa instalación dunha zona de calistenia no parque Pablo Iglesias que suporá un gasto de 40 000 euros.
A maiores, o Concello colaborará coa Xunta en distintas infraestruturas e equipamentos como a estación de tratamento de auga potable para cuxa mellora achegará preto de 200 000 euros.
Os orzamentos que entraron en vigor tamén recollen os 5,5 millóns de euros, o que supón un 49% do total dos gastos correntes, para persoal e outros 4,6 millóns de euros para gasto corrente, que tamén aumentou nun 44,5% en relación ao ano anterior. Trátase de gastos necesarios de funcionamento do Concello canto a servizos públicos, entre os que se inclúe a limpeza viaria con arredor de 300 000 euros.
Neste apartado de gastos tamén se recollen os 1,7 millóns de euros destinados a Servizos Sociais, a área que máis recibe para atender os programas de atención e axuda social. Entre eles, o servizo de axuda no fogar, o servizo de transporte adaptado ou gastos sociais extraordinarios.
Na área de Educación e Cultura a partida sitúase no millón de euros para atender os programas de promoción cultural, con actividades de dinamización que, á súa vez, apoien a outros sectores económicos do municipio. Tamén destacan as obras de mantemento do colexio Vales Villamarín, o servizo de comedor do propio centro e da escola infantil municipal. Ademais, créase un programa cultural de dinamización lingüística destinada a organizar actividades nese ámbito.
Outra das partidas importantes é a destinada á dinamización comercial, empresarial, e ao turismo, con 1,3 millóns de euros, con actuacións específicas dirixidas a autónomas e pequenas empresas que conforman o tecido empresarial. No capítulo de gastos tamén se reservan 1,6 millóns de euros para iluminación pública. O orzamento recolle máis de 350 000 euros para subvencións, tanto en concorrencia competitiva como en axudas nominativas correspondentes aos anos 2023 e 2024. Entre as axudas nominais inclúese a asociación Concilia, para actividades extraescolares, a Fundación CIEC para o centro Internacional de Estampa e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos.
O total de transferencias correntes ascende a 948 000 para cubrir achegas do Consorcio das Mariñas, Transporte Metropolitano (arredor de 30 000 euros), o programa Xantar na Casa (4 .000 euros), as cotas da Fegamp, e, entre outras, contías á Xunta a través do Consorcio Galego de Benestar por 150 000 euros. Tamén se inclúe neste capítulo de transferencias a Fundación Globo de Betanzos.