A alcaldesa María Barral e José García “Ventosa” descubriron unha placa conmemorativa na que se recoñece o seu labor.

A pista de ciclismo situada no Carregal xa leva o nome de José García Varela “Ventosa”. O Concello rendeulle desta forma un recoñecemento ao seu intenso traballo e dedicación na promoción do deporte e, de forma especial, do ciclismo e na formación en valores de moitos mozos e mozas betanceiras. O acto foi presidido pola alcaldesa, María Barral, e diversos concelleiros da corporación. A alcaldesa e “Ventosa” descubriron unha placa conmemorativa na que se recoñece o seu labor.

Formou parte da Xunta Directiva do Club Ciclista, desde a súa fundación, en 1979, converteuse en alma mater da entidade, na que estivo presente ata 1997. Xa antes, na década dos 70, foi o artífice de que se realizasen na nosa cidade diversas probas ciclistas. Froito diso, destaca a Volta á Comarca Brigantina, que desde o noso municipio tocaba todos os concellos limítrofes e que ao longo dos anos converteuse, grazas ao traballo de José García Varela “Ventosa”, nunha proba referente en Galicia.

Durante estes anos, José García Varela impulsou as escolas deportivas de ciclismo, escolas vinculadas ao Club Ciclista e ao propio Concello polas que pasaron decenas de mozos e mozas que se formaban en ciclismo e como persoas, como así figura recollido en varias publicacións e como hoxe en día sinalan moitas das persoas que pasaron por estas escolas deportivas e nutríronse dos coñecementos de “Ventosa”.

Foi, precisamente, un dos artífices de que o Concello construíse no seu día a pista ciclismo que rodea o campo de fútbol do Carregal, unha iniciativa exposta en 1986 á corporación local e na que o Concello e o Club Ciclista Betanzos traballaron varios anos ata facela realidade o 19 de agosto de 1990.

O recoñecemento, agarimo e admiración á figura de José García Varela “Ventosa” e a pegada que deixou en moitos deportistas e amantes da bicicleta queda tamén reflectida en que a día de hoxe os dous clubs vinculados a este deporte, o Club Ciclista Betanzos e o Club BTT Caimanes Betanzos, nomearon a “Ventosa” socio de honra e presidente honorífico, respectivamente.