Máis de 300 escolares de Primaria participaron nunha campaña de educación viaria sobre normas “cando son peóns, ciclistas e pasaxeiros”

706
O concelleiro de Seguridade, Pablo Beade, xunto a o inspector Manuel Seijo Vázquez, entregaron os diplomas acreditativos de participación.

O Concello, a través da delegación de Tráfico, concluíu a campaña de educación viaria dirixido a escolares que cursan segundo, cuarto e sexto de educación Primaria, en total máis de 300 alumnos de Betanzos e a súa comarca do colexio Francisco Vales Villamarín, impartido polo inspector Manuel Seijo Vázquez, quen xunto co concelleiro de Seguridade, Pablo Beade, entregaron os diplomas acreditativos de participación.

A través desta campaña o Concello fomentou hábitos de conduta para respectar e cumprir as normas, evitar accidentes e garantir a seguridade. Aos nenos de segundo curso explícanselles os hábitos peonís (normas para circular por cidade, estrada, como cruzar a calzada….) e as condutas que deben adoptar como pasaxeiros de vehículos particulares, autobuses escolares e de liñas regulares.

Aos de cuarto e sexto curso, ademais de incidir nas regras anteriores, introdúceselles nas normas para conducir bicicletas e nos sinais máis sinxelos e usuais. Por último, aos de sexto curso entregaráselles un diploma conforme completaron os distintos cursos de educación viaria ao longo da súa etapa de educación Primaria.

O obxectivo da campaña é tamén que de forma indirecta os alumnos inflúan no comportamento dos maiores, especialmente no referente ao uso do cinto de seguridade, sistemas de retención infantil e na prohibición de usar o móbil durante a condución.

Outro dos obxectivos é que os alumnos perciban a proximidade dos policía locais e aumente a súa confianza nos corpos e forzas de seguridade á hora de requirilos polos problemas que poidan padecer ou para fomentar a colaboración cidadá para a resolución de feitos delituosos que poidan observar nun futuro.

A campaña enmárcase nunha serie de accións desenvoltas pola Policía Local en materia de Educación Viaria e Seguridade Cidadá que incluíu tamén un programa dirixido, principalmente, a persoas da terceira idade aínda que nas actividades tamén participaron outros colectivos veciñais. O obxectivo non era outro que concienciar á poboación sobre as normas que teñen que cumprir os peóns, especialmente, á hora de “facerse visibles”, ademais de dar a coñecer ou lembrar normas básicas para mellorar a seguridade.