O museo das Mariñas recibe a doazón dun novo cadro de Rosina Martínez Barral

234

O Museo das Mariñas conta cunha nova obra para a súa colección. Trátase dun óleo titulado “Feira” pintado en 1987 pola artista brigantina Rosina Martínez Barral e no que se representa unha vista da Praza de Afonso IX. O cadro, doado pola veciña de Betanzos María Porto, pasa a engrosar a colección de obras desta pintora que se está tratando de poñer en valor dende o museo xunto a outras pintoras da cidade como Sofía Feliu, Olimpia Tourné ou Elvira Santiso.

 

Precisamente, a decisión de María Porto de doar un cadro da súa propiedade veu dada pola difusión que se están facendo destas pintoras garelas, queréndose sumar ela á homenaxe coa doazón dunha nova pintura que poderá ser apreciada por toda a veciñanza.

O contacto co Museo das Mariñas xurdiu a raíz de coñecer os proxectos nos que se pretende difundir as figuras femininas da cidade ligadas á arte, que non sempre foron recoñecidas polo simple feito de ser muller. Unha destas artistas ignoradas foi Rosina Martínez, quen ademais foi mestra de pintura de varias xeracións de betanceiros e betanceiras que pasaron polo seu taller da rúa Nova.

Con este agasallo engrósase a colección do Museo das Mariñas, onde as obras de Rosina están expostas xunto ás do seu pai, Francisco Javier Martínez Santiso, quen tamén foi mestre de pintura, e tivo ao seu cargo a formación artística de veciñas como Dolores e María García Ramos, Marisa Couceiro, Concha Costas Amenedo, Pilar Touza, María Montoto, Manola Zuloaga, Joaquina García Iribarne, María Lago Pereira, Amparo Álvarez, Lola Naveira Beade, e tamén varios veciños como José Alguero Penedo, José Paz Vila, Ignacio Núñez Colomer, José Seijo Rubio, Juan Navaza Picado ou Antonio Núñez Díaz.

O Concello de Betanzos quere agradecer a decisión da veciña María Porto de compartir con toda a veciñanza un patrimonio que servirá para seguir difundindo a rica historia da nosa cidade.