Betanzos recorre a unha operación crediticia de 1,5 millóns de euros a 10 anos para financiar a achega municipal a diversos proxectos europeos e plans provinciais

111

O Concello acometerá diversos investimentos de proxectos europeos e plans provinciais a través dunha operación crediticia que acaba de sacar a contratación. Trátase dunha operación que permitirá afrontar importantes investimentos e equipamentos con investimentos necesarios “que completarán en parte as que están incluídas tamén nos orzamentos ordinarios do Concello para 2024”.

Ademais destes novos proxectos, o Concello aboará actuacións que se tiveron que realizar durante 2023 e que non contaban con partida orzamentaria xa que, algúns deles, por exemplo o de arranxo do patio do Vales Villamarín tivo que executarse como actuacións de urxencia, cun investimento superior aos 50 000 euros que será sufragada con este préstamo. O goberno local escolleu esta fórmula para afrontar tamén os compromisos dos proxectos europeos e aproveitar “a concesión deses proxectos, que supoñen un investimento moi importante do Estado, para a que o Concello tamén terá que achegar unha parte con fondos propios”.

O préstamo que contratará o Concello será dun importe total de 1.579.237,71 euros.  Cun prazo total de operación de dez anos, incluídos os dous primeiros de carencia de amortización. Na relación de proxectos incluídos con cargo a este préstamo, que conta cos informes favorables dos técnicos económicos do Concello, inclúense os 170 000 euros para expropiacións no centro histórico que permitan a execución, posteriormente, de novos espazos públicos a modo de parques infantís e instalacións deportivas.

Outro dos proxectos incluídos serán as melloras na avenida Jesús García Naveira e Alcalde López da Torre, actuacións que foron incluídas en plans provinciais e que o Concello, na parte que lle corresponde, financiará a través desta operación crediticia. Ademais, financiarase a achega ao convenio con Augas de Galicia para a mellora do sistema de abastecemento con 198 191 euros, así como parte da cuberta do parque infantil de Pintor Seijo Rubio e mobiliario.

As partidas máis importantes reservaranse para acometer boa parte do que lle corresponde ao Concello para plans europeos, máis concretamente os que se acometen no centro histórico como o de mercados sustentables ou a rehabilitación do mercado municipal, con máis de 600 000 euros do total do préstamo.  Por último, deixarase outra partida, de 144 000 euros para financiar unha parte importante da compra do edificio de sindicatos, na avenida da Coruña, que o Concello está a ultimar co Ministerio de Traballo despois de longas negociacións.

O orzamento municipal de 2024, aprobado recentemente, incluía na súa partida de investimentos 4,8 millóns de euros, case dous millóns máis que en 2023 (67% máis) froito de obras de distintos plans provinciais en colaboración co Concello e das achegas dos fondos europeos que se executarán ao longo do ano. Entre os investimentos previstos recolléronse os 1,1 millóns de euros para completar unha nova fase da iluminación con led en todo o Concello ou os 1,6 millóns de euros (orzamento total entre o achegado polo Estado e o Concello) para o Mercado Municipal. Xunto con iso dedicaranse máis de 65 000 euros á avenida García Naveira, outros 190 000 euros para a praza de Dona Águeda, 100 000 euros para actuacións en materia de seguridade viaria no núcleo urbano e outros 146 000 euros para viarios municipais situados na zona rural. Na relación de actuacións tamén se prevé a reforma da rúa Alcalde López Datorre cun investimento de 157 000 euros, ou a creación dos hortos urbanos, a mellora da praza Enrique Riego e a creación dunha área de lecer na Condesa cun desembolso de 220 000 euros. A cuberta do parque infantil de Pintor Seijo Rubio ou a creación do parque de Viúxe cun investimento de 280 000 euros son outras das obras incluídas no orzamento deste ano xunto á instalación dunha zona de Calistenia no parque Pablo Iglesias que suporá un gasto de 40 000 euros. A maiores, o Concello colaborará coa Xunta en distintas infraestruturas para o abastecemento der auga para as que destinará case 200 000 euros que tamén se recollen na operación de crédito que acaba de sacar a licitación.