Exposicións arredor de Luísa Villalta no mes das Letras Galegas

35

Entre o 2 e 31 de maio o Concello de Betanzos programa varias exposicións arredor de Luísa Villalta no Edificio Arquivo dentro do programa das Letras Galegas 2024. As exposicións poderán visitarse de 10:00 h a 14:00 h e de 19:00 h a 21:00 h os días laborables e de 11:30 h a 14:00 h os sábados.

Ao longo de todo o mes das Letras Galegas poderase visitar a exposición dos debuxos participantes no XIV Concurso de carteis das Letras Galegas, unha exposición de fotografías da escritora coruñesa con imaxes cedidas do arquivo familiar de Luísa Villalta a través da Real Academia Galega, así como as exposicións gañadoras do Concurso-exposición das Letras Galegas 2024 da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia “Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar”, elaborada polo CEIP Raquel Camacho da Coruña e “Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta”, do CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel de Ourense.


O Concello de Betanzos programa esta actividade a través do Servizo de Normalización Lingüística que está subvencionado pola Deputación provincial da Coruña e pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.